Caos na liña de tren Santiago-A Coruña: un corte na subministración eléctrica obrigou a paralizar os convois

Trens parados na estación da Coruña (Foto: Nós Diario).

Segundo puido saber 'Nós Diario', ao longo da mañá desta xornada da quinta feira estivo paralizada toda a circulación na vía cara á Coruña a partir de Santiago e viceversa por unha incidencia relacionada coa subministración eléctrica.

A situación de atrasos no servizo ferroviario proporcionado por Renfe continúa a se vivir na Galiza. Na mañá desta quinta feira, persoas usuarias da liña que conecta as cidades da Coruña e Compostela alertaron de que o tren que as debía transportar á capital galega sufría unha incidencia que non permitía o tren avanzar. A través das redes sociais, usuarios mostraron o seu descontento co servizo ofrecido pola compañía xa que, segundo indican, “os atrasos son constantes”.

Segundo puido saber Nós Diario, ao longo da mañá desta xornada da quinta feira estivo paralizada toda a circulación na vía cara á Coruña a partir de Santiago por unha incidencia na subministración eléctrica que, segundo Renfe, "afecta o sistema de sinalización da liña ferroviaria", mentres que fontes de Naturgy confirmaron que non hai avarías nin fallos na súa rede de distribución nesa zona, polo que é probábel que o problema se atope no propio sistema interno da terminal.

Ante esta situación, un importante número e usuarias da liña pediron unha solución aos técnicos de Renfe que podería pasar polo transporte en bus. Ante isto os técnicos alegaron que sería complicado por estar en hora punta dos colexios mais finalmente fíxose un transbordo en bus até a estación de Uxes, en Arteixo, para intentar realizar o traxecto desde aí.

Esta mesma semana, púidose saber que a aplicación e a páxina web da empresa na cal se deben reservar os billetes, mostra a seguinte mensaxe: “Desde o 9 de xaneiro de 2024, este tren modifica o seu horario”, algo que acontece para todos os convois da liña Vigo - Santiago de Compostela. Así, se se consultan os convois para esta terza feira pode verse unha falta de servizo alarmante ao longo das horas centrais do día en localidades que fan uso do servizo como Redondela, Arcade (concello de Soutomaior) ou Pontecesures.

Máis atrasos

Esta situación súmase á vivida nos últimos meses con múltiples incidencias no transporte ferroviario galego con numerosos atrasos nas conexións ferroviarias entre Ourense e A Coruña, e na liña do Eixo Atlántico entre a cidade herculina e Vigo.