Continúa na UCI e "evoluciona favorabelmente" o ocupante que sobreviviu o impacto do tren cun vehículo en Lugo

Estado no que quedou o vehículo após o sinistro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O sinistro produciuse ás 9.16 horas por un tren de Media Distancia que cubría a liña A Coruña-Monforte de Lemos -punto quilométrico 424,010-.

O mozo ferido no sinistro rexistrado a pasada cuarta feira nun paso a nivel en Lugo, onde un tren impactou cun coche con tres ocupantes -dous deles falecidos-, continúa na UCI no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) na mañá desta quinta feira.

Segundo informaron fontes sanitarias, o ferido está "estábel e evoluciona favorabelmente". Dous mozos de 19 e 21 anos de León faleceron neste sinistro.

O sinistro produciuse ás 9.16 horas por un tren de Media Distancia que cubría a liña A Coruña-Monforte de Lemos -punto quilométrico 424,010-. Trátase dun paso a nivel sen barreiras, con sinais de stop e de aspa.

Os ocupantes

Os ocupantes do coche participaban na obra dun centro asociado á subestación de Adif de Oural (Lugo), no marco da electrificación da liña Ourense-Monforte-Lugo, e pertencen á empresa Telice.

Os tres novos que viaxaban no coche eran estudantes do CIFP Tecnolóxico de León e atopábanse realizando prácticas curriculares de formación na empresa tecnolóxica Telice.

A empresa Telice, onde os mozos realizaban prácticas desde o mes de maio mediante un acordo de colaboración coa Xunta de Castela e León, manifestou as súas "máis sinceras condolencias ás familias e seres queridos" das vítimas e a súa solidariedade "nun momento de profunda dor".