Continúa sen explicación a morte en pleno voo dunha bandada de 150 estorniños

Os estorniños quedaron sobre a rúa, ademais dos vehículos. (Foto: Europa Press)
As primeiras investigacións descartan que as aves morreran electrocutadas, como se pensou nun primeiro momento. As persoas expertas tamén rexeitan unha infección por gripe aviaria após analizar os corpos dos exemplares atopados no barrio ferrolán de Caranza. A nova teoría céntrase en pescudar se o suceso puido deberse a unha intoxicación.

As persoas expertas seguen sen atopar explicación á morte dunha bandada de 150 estorniños a pasada semana no barrio de Caranza, en Ferrol. O suceso causou gran sorpresa na comarca, e na Galiza enteira, porque as aves comezaron a precipitarse sobre a rúa -na contorna do Hospital Juan Cardona-, os coches e mesmo xente que camiñaba pola zona sen que parecera existir un motivo.

Ante a falta de datos, nun primeiro momento comezouse a falar da posibilidade de que os exemplares faleceran após bater co tendido de alta tensión. Porén, a estas alturas as e os especialistas xa descartaron tal motivo porque non atoparon edemas nin necroses nos estorniños.

Aliás, analizáronse os corpos de 127 aves, ademais das dos poucos exemplares que quedaron vivos e foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do municipio de Oleiros, que depende da Xunta.

Segundo o informe inicial, os animais que ingresan vivos presentaban "un estado decaído, incapaces de voar, e con traumatismos en ás e patas, o que lles provoca dificultades para manterse en pé".

Ante esta situación, "practicóuselles un tratamento con alimentación forzada e inmobilización das fracturas observadas".

Posíbel intoxicación

No entanto, tanto por esas atencións como polas comprobacións nos corpos descartouse que se trate dun caso de gripe aviaria.

As persoas expertas observaron "varias lesións hemorráxicas na zona intratorácica, larinxe, e rexión craneoencefálica, que afectan gravemente a corazón, aparello respiratorio e encéfalo", pero que "non se poden relacionar cunha infección vírica, bacteriana ou parasitaria", e así "as análises realizadas constatan o negativo en gripe aviaria".

Para determinar se a causa da morte puido ser unha intoxicación, o seguinte paso está a ser analizar a toxicoloxía das mostras tomadas de "encéfalo, corazón, pulmón, traquea, ril e intestino", estando actualmente "á espera dos resultados".