Continúa a calor: Todo o país en alerta por altas temperaturas

Unha crianza xoga con auga en Ourense durante esta vaga de calor (foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Se esta segunda feira as temperaturas superaron amplamente os 35 graos en puntos do interior, prevese que na terza e na cuarta feira os termómetros suban por encima dos 40 graos en zonas como Ourense, e os 35 graos noutras comarcas galegas.

A Xunta activou a alerta por un episodio de calor esta semana, coa terza e a cuarta feira como xornadas coas temperaturas máis altas. De feito, decretouse alerta vermella para a zona de Valdeorras, e alerta laranxa para a Ribeira Sacra, Miño de Ourense, costa suroeste e noroeste.

Para esta terza feira, as previsións apuntan a unha subida das temperaturas, tanto mínimas como máximas, en todo o país.

Se esta segunda feira as temperaturas superaron amplamente os 35 graos en puntos do interior, prevese que na terza e na cuarta feira os termómetros suban por encima dos 40 graos en zonas como Ourense, e os 35 graos noutras comarcas galegas.

"Xa na quinta feira empezará descender un pouco a temperatura, sobre todo polo litoral, onde empezarán as brisas, e isto achegará algunha nube baixa ou néboa, aínda que as temperaturas manteranse altas", informaron fontes de Meteogaliza. Entre a sexta e o sábado espérase unha "caída notábel" das temperaturas".

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece ao redor do mediodía con temperaturas máximas de até 40 graos.

Consecuencias da calor

Segundo lembrou a Xunta, a exposición a altas temperaturas pode provocar mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncopes, deshidratación, insolación ou golpes de calor. Así, pódense alterar as funcións vitais se o corpo non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura.

A calor excesiva pode producir perda de líquidos e de electrólitos, que son necesarios para o funcionamento normal dos órganos. Os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados en persoas con enfermidades crónicas ou con certas discapacidades, e as persoas maiores ou os nenos moi pequenos son máis sensíbeis a eses cambios.

Que facer

Ante esta situación, a Consellaría de Sanidade trasladou unha serie de consellos á poboación: beber máis líquidos do habitual sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes ou alcohólicas, comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas, usar roupa lixeira de tecidos naturais, cores claras e folgada, usar chapeus, lentes de sol ou aplicar crema solar protectora.

Tamén aconsella o emprego de calzado cómodo e transpirábel, permanecer en espazos ventilados ou acondicionados no interior de edificios, baixar as persianas das vivendas durante o día (abrilas de noite para ventilar e refrescar), ou darse unha ducha ou baño tépedo nos momentos de calor máis intensa.

Ademais de eludir as concentracións de persoas en locais sen aire acondicionado, Sanidade recomenda evitar saír ao exterior nas horas de máis calor, reducir a actividade física, buscar as zonas de sombra e non deixar animais, nenos ou persoas maiores no interior de coches estacionados.

Na praia, recoméndase evitar as horas centrais do día, non durmir ao sol, e utilizar as cremas de maior factor fotoprotector (nunca inferior a 15 FP).