Os contactos de contaxiadas coa variante Ómicrom terán a obriga de gardar corentena malia ter a vacina

Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer. (Foto: AAPIMAGE / DPA)

O Ministerio de Sanidade considera que esta medida é precisa por precaución. De feito, a Comisión Europea lembrou esta cuarta feira que aínda non se sabe moito sobre a nova mutación da Covid-19.

O descoñecemento de como pode evolucionar a variante Ómicrom do coronavirus vén de provocar unhas medidas restritivas por parte do Ministerio de Sanidade.

Case ao tempo que a Comisión Europea recoñecía que hai que ter precaución porque se sabe pouco desta nova cepa, transcendía a decisión do Goberno do Estado español de impoñer corentena a persoas que estean en contacto con contaxiadas da Ómicrom con independencia de que estean vacinadas.

Este período de illamento será de dez días, polo menos nas primeiras consideracións do departamento que dirixe Carolina Darias.

Esta decisión cambia o escenario actual, pois até o de agora os contactos estreitos dunha doente que dera positivo non tiñan que permanecer na casa ningún tempo se recibiran a pauta completa do tratamento fronte ao coronavirus.

Este período de illamento será de dez días, polo menos nas primeiras consideracións do departamento que dirixe Carolina Darias.

O temor polo descoñecemento da nova cepa africana parece estar detrás deste incremento das limitacións. Tanto é así que se estuda incluso pór en corentena a cidadás que tiveran relación cun caso sospeitoso. Agora, segundo informacións recollidas por Europa Press, tamén haberá esa consideración para infectadas polas cepas beta e gamma.

“A confirmación do tipo de variante non acostuma estar dispoñíbel no momento da diagnose polo que a medida debe aplicarse tamén naqueles casos nos que exista sospeita ben por información preliminar a través de PCR específica, ben porque o caso sexa parte dun foco que inclúa casos producidos por ditas variantes”, afirmaron fontes do Ministerio de Sanidade.

Así mesmo, imporase ese illamento ás persoas con inmunodepresión e os contactos daqueles casos que puideran contaxiarse por transmisión a través de visóns.

Así o trasladaron a través da actualización da Estratexia de detección precoz, vixilancia e control da Covid-19.

Países de alto risco

O secretario xeral de Saúde Dixital, Información e Innovación do Ministerio de Sanidade, Juan Fernando Muñoz, explicou, ademais, que desde o pasado sábado -mesmo día en que se publicaron no Boletín Oficial do Estado español (BOE)- o  SpTH incorpora as medidas de aplicación aos viaxeiros procedentes dos 7 países declarados de alto risco (Sudáfrica, Botsuana, Eswatini -antigo Suazilandia-, Lesotho, Mozambique, Namibia e Zimbabue).

Reducir o número de asistentes ás reunións

Por outra banda, o Ministerio de Sanidade, a través dun documento do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) que dirixe o doutor Fernando Simón, recomendou estabelecer límites no número de participantes en eventos sociais e públicos e sociais, "especialmente durante as celebracións das festas do Nadal", "debido ao contexto epidemiolóxico actual" e a "as incertezas asociadas á variante ómicron".