Consumo alerta de presenza de fragmentos metálicos en lotes de galletas con chocolate vendidas en Aldi e Lidl

Un dos tipos de galletas afectadas (Foto: Nós Diario).
As empresas distribuidoras retiraron os produtos da venda, e recomendan ás persoas que teñan no seu domicilio os produtos incluídos nesta alerta se absteñan de consumilos.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), dependente do Ministerio de Consumo, alertou de posíbel presenza de fragmentos metálicos en varios lotes de galletas con chocolate, concretamente as 'Cookies Aux Trois Chocolats', da marca Arizona de venda no Aldi, e 'Grandino triple chocolate', da marca Sondey, e 'Nougatelli', da marca McEnnedy, ambas de venda en Lidl.

A Aesan tivo coñecemento a través da Rede de Alerta Alimentaria Europea (Rasff) dunha notificación de alerta trasladada polas autoridades sanitarias de Países Baixos.

As empresas distribuidoras retiraron os produtos da venda, e recomendan ás persoas que teñan no seu domicilio os produtos incluídos nesta alerta se absteñan de consumilos.

Lotes afectados

As galletas comercializadas por Aldi son 'Cookies Aux Trois Chocolats' de Arizona Aspecto en envase plástico, e o lote afectado é 2334710 con data de consumo preferente de 11/09/2024. Mentres que as do Lidl son 'Nougatelli' de McEnnedy en envoltorio plástico con lote 2059315 e data de consumo preferente do 10/12/2024, e 'Grandino triple chocolate' de marca Sondey en envoltorio plástico, co número de lote 20706999 e data de consumo preferente de 12/12/2024.

Segundo a información dispoñíbel, a distribución inicial realizouse a través de estabelecementos das cadeas Aldi e Lidl en Andalucía, Catalunya, Canarias, País Valencià, Madrid, Murcia, Galiza e Euskadi, aínda que non é descartábel que poidan existir redistribucións a outros territorios.