Consulta os trens suspendidos esta segunda feira pola folga de Renfe convocada pola CXT

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
Na Galiza hai convois afectados de Media Distancia, Rexional, Avant, Proximidade, Internacional e Alvia.

Traballadoras e traballadores de Renfe de todo o Estado español súmanse esta segunda feira á primeira das dúas xornadas de folga convocadas pola CXT ante o descontento do sindicato polo convenio asinado por Renfe con SEMAF, UXT e CCOO.

Na Galiza son varios os servizos que se verán afectados tanto este 7 de novembro como o vindeiro día 11. Así, nos traxectos de Media Distancia estes son os trens suspendidos: Vigo Urzaiz-A Coruña (ás 18.15 e ás 21.35 horas), A Coruña-Vigo Urzaiz (ás 12 e 18 horas) e Ferrol-Ribadeo (ás 19.05 horas).

En canto ao servizo de Rexionais, as frecuencias paralizadas son a de Vigo Guixar-Santiago (ás 18.20 horas) e Santiago-Vigo Guixar (ás 15 e ás 20.25 horas). Tamén o Ourense-Lugo das 12.22 horas, o Lugo-Ourense das 14.25 horas e o tren que fai o traxecto A Coruña-Monforte con saída ás 19.45 horas.

Dos convois Avant, o paro sindical afecta o traxecto A Coruña-Ourense, tanto de ida (ás 11.30 e ás 17.20 horas), como de volta (ás 9.50, 12.30 e 14.15 horas)

Outros servizos paralizados

En canto ao servizo de proximidade existente na liña de Ferrol, tamén se verá afectado ao longo do día pola folga. Os traxectos suspendidos son: Ferrol-San Sadurniño, ida (13.45 e 16.25 horas) e volta (15.30, 16.55, 19.03 e 21.48 horas); e Ferrol-Xuvia, tamén ida (ás 11.45 horas) e volta (12.40 horas).

No servizo Internacional, que une Vigo e Porto, os tren afectados son o Vigo Guixar-Porto das 19.56 horas e o Porto-Vigo Guixar das 19.10 horas.

Finalmente, a conexión ferroviaria da Galiza con Madrid, que realizan os trens Alvia, conta cunha frecuencia suspendida: Madrid-Vigo Urzaiz ás 16 horas.

Polo de agora aínda non se coñecen os trens que se suspenderán na segunda xornada de folga, a do 11 de novembro, á espera de que Renfe ou o sindicato convocante da folga os dean a coñecer.