CCOO convoca folga en Renfe polo "bloqueo" do convenio colectivo: "Como non dan solucións, toca conflito"

O sindicato defende que "abondan os motivos" e chama o persoal a participar en tres xornadas de folga entre outubro e novembro e a se mobilizar diante do Congreso o próximo día 19.
Dous trens AVE nunha estación. (Foto: Europa Press)
photo_camera Dous trens AVE nunha estación. (Foto: Europa Press)

Comisións Obreiras (CCOO) vén de convocar unha folga dentro do Grupo Renfe para os días 28 de outubro —desde as 00 horas até as 23 horas—, 7 de novembro —de 6 a 9 e de 18 a 20 horas— e 11 de novembro —ídem—, debido á falta de acordo coa operadora ferroviaria a respecto da negociación colectiva. Previamente, o persoal está chamado a mobilizarse, o próximo día 19, diante do Congreso.

O sindicato xustifica que esta chamada á folga chega após a reunión de mediación mantida no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA), que rematou en "desacordo" entre as partes afectadas.

"Abondan os motivos para emprender esta serie de accións reivindicativas, porque á falta de receptividade ante as reiteradas denuncias de CCOO da necesidade de aumentar as contratacións indefinidas, en practicamente todos os colectivos do Grupo, para evitar as constantes externalizacións hai que sumar que non se tiveron en conta as propostas que realizamos nas diferentes mesas do convenio colectivo", sostén.

Esas externalizacións, explican desde CCOO, danse en sectores como a xestión de almacéns en talleres, servizos de apoio administrativo e de secretaría, venda de billetes ou atención ao cliente, entre outros.

Así, inciden en que "son moitos" os colectivos que urxen "solucións a diversas problemáticas". Unhas solucións que, porén, "non se ven reflectidas en ningunha proposta da empresa".

"Desde a eliminación das categorías de ingreso ao estabelecemento dunha carreira profesional e un sistema retributivo específico para os Centros de Xestión, onde vexan reflectidas as súas novas funcións e a formación necesarias para o seu desempeño, pasando pola mellora nas retribucións dalgúns mandos intermedios que perciben un salario inferior ao do persoal que teñen ao seu cargo e sen esquecer a problemática do persoal de Fabricación e Mantemento ou do persoal de Comercial, tanto de trens como de estacións", informan.

En consecuencia, "como non houbo solucións, toca conflito", defenden. As mobilizacións desconvocaranse no caso de que Renfe ceda e "ofreza solucións" ás demandas do persoal.

Comentarios