Freo á inmunización: consulta que día desta semana non haberá vacinación en cada área sanitaria

Vacinación en Ourese (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Esta semana haberá días sen vacinación, após as cero doses aplicadas no domingo

A programación da vacinación contra o coronavirus continúa nas áreas sanitarias galegas para esta semana, salvo nalgunhas xornadas que se soman ao parón na aplicación de doses do domingo que se deu en toda a Galiza.

Segundo os datos de vacinación actualizados pola Consellaría de Sanidade esta segunda feira, 9 de agosto, na xornada deste domingo non se administraron doses na Galiza.

O parón chega en medio do debate aberto pola redución das remesas de doses que o Goberno estatal enviará á Galiza. Esta segunda feira, a Delegación do Goberno español na Galiza cualificou de “cortina de fume" as críticas da Xunta pola repartición de vacinas e, en concreto, a queixa de que a Galiza non vaia recibir ningunha dose dos 3,4 millóns de viais que anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no cumio de Salamanca.

Fontes da Delegación do Goberno trasladaron que no último Consello Interterritorial acordaron estabelecer un reequilibrio e igual que a Galicia recibiu máis doses cando a poboación albo a vacinar era xente maior, compensar ás autonomías que agora teñen un maior número de persoas mozas a vacinar.

Precisamente, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, trasladou á SER que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "aceptou" ese acordo, e lamentou que, tras asentir alí "para quedar ben", faga críticas ao chegar a Galiza.

Pero Miñones tamén considera que tras as críticas da Xunta hai "unha cortina de fume" para "tapar o caos" que supuxo a pasada fin de semana o colapso do sistema para pedir cita da web do Sergas coa activación das autocitas de mozas e mozos de entre 16 e 21 anos.

Os días desta semana en que non se vacinará

A programación facilitada polas áreas sanitarias relativa á vacinación desta semana indica que na de Lugo non se programou a administración de doses para este 9 de agosto, mentres que nas da Coruña e Cee, Ferrol e Ourense a día de hoxe non está previsto vacinar na quinta feira, 12 de agosto.

No caso da de Ferrol indican tamén por parte da Consellaría de Sanidade que tampouco está previsto vacinar na fin de semana; así como o sábado 14 na da Coruña e Cee.

Na área ferrolá entre esta terza e cuarta feira hai citadas máis de 3.100 persoas mozas de 20 a 29 anos cada día e máis de 2.000 de 30 a 39 anos na sexta. Mentres, a da Coruña programou vacinacións esta terza para máis de 8.400 persoas; así como a cuarta -inclúen repescas, Erasmus e autocita de mozas e mozos-. E a sexta conta con máis de 9.000 convocados.

A de Lugo pola súa banda, ten programadas máis de 11.400 persoas entre esta terza e a sexta feira. No caso concreto da quinta convocará persoas de "repesca" que non se puideron vacinar cando lles chamaron por idade.

A área de Ourense ten previstas vacinacións esta terza e cuarta, de mocudade de 20 a 29 anos, ademais dos citados por autocita de 16 a 19 anos; mentres que para a sexta estabeleceu segundas doses para persoas de 30 a 35 anos.

Por parte da área de Vigo explicaron que fixeron a previsión de vacinación desta semana coas reservas das que xa sabían que dispuñan. Así, a súa programación inclúe entre a pasada sexta e o próximo día 13 a citación dunhas 33.200 persoas para ser vacinadas no Ifevi.

En canto á de Pontevedra e O Salnés, este 9 de agosto non se vacinou no recinto feiral de Pontevedra, no que este terza están convocadas máis de 4.800 persoas mozas de 20 a 29 anos para primeiras doses con  Pfizer.

Nesta segunda feira tampouco houbo programación de inmunizacións no recinto feiral de Fexdega en Vilagarcía de Arousa, no que este terza están convocados máis de 1.250 mozos de 20 a 29 anos para primeiras doses con  Pfizer.

Sen vacinas aplicadas no domingo, esta segunda feira contabilízanse en total 1.805.131 persoas que contan coa pauta completa na Galiza -73,54% da poboación albo a inmunizar- tras ser administradas 3.48.674 doses das 3.682.485 recibidas.

Ademais, máis de dous millóns de cidadás e cidadáns da Galiza recibiron polo menos unha dose da vacina contra a Covid-19, que supoñen máis de 81% da poboación albo.