Defensa da Sanidade Pública apón á "falta de planificación" o colapso da web do Sergas

Menores de 20 anos comezaron a recibir a primeira dose da vacina contra a Covid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
A web do Sergas permaneceu inactica durante varias horas este sábado tras abrir o servizo de autocita para a vacinación de 25.000 persoas menores de 20 anos.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública atribúe o colapso da páxina web do Sergas este pasado sábado ante a "avalancha de solicitudes para vacinarse" por parte de persoas menores de 20 anos á "falta de planificación dos recursos sanitarios".

A entidade resalta nun comunicado que "esa situación é unha mostra máis do colapso crónico do sistema sanitario público galego", en especial, matiza, "da Atención Primaria semifechada desde marzo de 2020".

"Agora o colapso afecta as persoas que queren vacinarse para acceder á hostalaría, ao sistema de petición de citas en Atención Primaria e á solicitude de certificados Covid para acceder a locais públicos", expón.

Falta de previsión e recortes

Por iso, considera "inaceptábel" que o Sergas "oferte vacinar as persoas mozas mediante cita telemática sen dispor da infraestrutura necesaria para facelo".

"A falta de planificación dos recursos sanitarios, os recortes da Atención Primaria perpetrados pola Xunta desde hai anos, a marxinación da mesma no proceso de vacinación e a introdución irresponsábel de restricións de acceso ao lecer sen dispor dos recursos sanitarios para evitalas, explican este novo colapso", afirma a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

Por todo iso, denuncia o colectivo, "resulta incríbel" que o Sergas "adopte novas medidas destinadas a evitar contactos sociais de risco entre os máis mozos non vacinados sen dispor dun sistema de autocita en liña suficiente para facela efectiva", conclúe.

Caída da web tras a apertura da autocita

A páxina web do Sergas colapsou o pasado sábado, segundo a Xunta, pola avalancha de solicitudes de autocita para a vacinación das menores de 20 anos, tras habilitar o pasado 7 de agosto 25.000 prazas.

A web, onde ademais das autocitas, están dispoñíbeis todos os datos a nivel galego sobre a pandemia, notificoulle 'erro no servizo' a todas as persoas que quixesen pedir quenda para a vacina, ou formalizar calquera outra xestión, denegándolles o acceso aos distintos recursos.

A versión de Sanidade é que o fallo no sistema débese ao "elevadísimo volume de entradas", e a que todas ocorreron "á primeira hora". Contra a primeira hora da tarde do propio sábado, o servizo quedou restabelecido.