Solucionado o fallo que impedía pedir citas a través da aplicación do Sergas

A plataforma do Sergas, que colapsou o sábado, volve estar operativa (Foto: Europa Press)

Sanidade dá por solucionado o erro que impedía solicitar cita a través da aplicación móbil nun día en que o debate sobre a repartición de vacinas aviva o confronto político.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) solucionou esta segunda feira, 9 de agosto, o fallo técnico que impedía pedir citar, entre outras xestións, a través da súa aplicación móbil.

Na mañá desta segunda feira a aplicación non permitía pedir citas médicas nin conectarse coa chave de seguridade Chave 365. Con todo, por parte da Consellaría de Sanidade aseguraron que se traballou para arranxalo "canto antes".

O problema da aplicación móbil do Sergas sucedeu despois de que este pasado sábado a súa páxina web colapsase pola mañá tras abrirse a autocita para a vacinación contra o coronavirus de 25.000 persoas mozas, logo de que o presidente da Xunta anunciase durante a semana pasada que a autocita para este grupo de idade estaría operativa para ese sábado.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública atribúiu o colapso da páxina web do Sergas á "falta de planificación dos recursos sanitarios".

A viceportavoz do grupo parlamentario popular Elena Candia alegou que "ás veces poden ocorrer estas cousas", en referencia ao colapso, ante a alta demanda da autocita de vacinación contra o coronavirus para os menores de 20 anos.

Ante este feito, Candia preferiu pór "en valor" o "enorme interese" que mostrou a mocidade ao solicitar a súa vacinación. "É un dato moi positivo que demostra un exercicio de responsabilidade por parte da mocidade", reivindicou.

Referiuse ademais á explicación do xerente do Sergas cando indicou que ao detectarse á primeira hora "que o sistema non funcionaba" este problema "tentouse atallar da forma máis urxente posíbel".

Sobre as 16 horas do sábado xa estaban esgotadas as 25.000 citas, dixo, e "pediuse desculpas ás persoas que durante horas tentaron conseguir unha cita e non o conseguiron até varios intentos".

Son, argumentou Elena Candia, "procesos moi excepcionais" polo que "ás veces poden ocorrer estas cousas", ao darse unha "gran sobrecarga".

Repartición de vacinas

Por outra banda, sobre a repartición de vacinas, Candia criticou que a "prioridade" do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, sexa "máis a defensa do presidente do Goberno", Pedro Sánchez, "que non o interese dos galegos". Respecto diso, apuntou á "decepción" da Xunta ao coñecer que a Galiza recibirá menos remesas e reivindicou máis. "Paréceme bastante inexplicábel que calquera galego non se some a esa reivindicación", dixo. Este domingo, o conselleiro de  Sanidade, Julio García Comesaña, tachou de "decepcionante" a repartición de vacinas anunciado polo Goberno estatal, segundo a que a Galiza, tal e como sinalou a Consellaría o sábado, "só recibirá a metade" das doses de Moderna comprometidas e ningún dos viais de  Pfizer que anunciara o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na conferencia de presidentas e presidentes en Salamanca.

Pola súa banda, o socialista Gonzalo Caballero, que estivo no Carballiño no seu día grande, recriminou ao PP "que non queira falar dos problemas da Atención Primaria e da sanidade publica” logo de lembrar que este verán na Galiza fecharon 600 camas hospitalarias e cando “hai que agardar 18 días máis que antes da pandemia para ser operado”.

En canto ás críticas dos populares pola mingua das remesas de vacinas contra a Covid-19 que chegarán á Galiza, Caballero atribuíu esa crítica unha estratexia de "confrontación" do PP. "Galiza é unha das comunidades que recibiu máis vacinas ao longo deste ano", reivindicou, asegurando que "Feixoo non pode ter esa actitude ruín de buscar conflito no canto de recoñecer que a estratexia de vacinación que marcou o Goberno de España está a funcionar".

Ao respecto do debate, o viceportavoz parlamentario do BNG, Manuel Lourenzo, exixiu que as distintas Administracións estean "á altura" antes de criticar que PP e PSOE utilicen a campaña de vacinación contra o coronavirus para cronfontar.

Preguntado en rolda de prensa respecto das últimas informacións sobre as remesas de vacinas, o deputado do Bloque subliñou que a campaña de vacinación, e en concreto a que agora afecta ás mozas e mozos, é algo "serio", polo que debe estar "por encima deste pim pam pum" entre Gobernos.

Ademais, lembrou que é precisa unha Atención Primaria "forte", como "porta de entrada" ao sistema sanitario, e incidiu en que "se de algo está farta a sociedade galega é de escusas de mal pagador", ao achacar ao mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo, o "desmantelamento" deste servizo.