O Constitucional tomba o recurso da Xunta para ampliar as concesións privadas de terreos públicos máis de 75 anos

A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
O Goberno galego recorrera a lei de cambio climático aprobada o pasado ano no Congreso.

O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) decidiu "desestimar" o recurso presentado pola Xunta da Galiza contra a lei estatal de cambio climático aprobada o ano pasado no Congreso. En concreto, o Goberno galego consideraba inconstitucional o decreto que restrinxe o período de concesións privadas de terreos públicos a 75 anos.

Nunha comunicación publicada esta quinta feira, o TC sinala que tomba este recurso do Executivo de Alfonso Rueda, apenas uns días despois de que a Xunta reclamase as competencias sobre o litoral galego coa intención de favorecer o incremento de concesións privadas en terreo público costeiro.

Na votación desta lei de cambio climático, os deputados do Partido Popular no Congreso, entre eles os galegos, optaron por absterse. No entanto, o Goberno galego recorreu o texto ante o Constitucional para permitir que as concesións deste tipo puidesen ir máis alá dos 75 anos preceptivos.

Na súa resolución, o alto tribunal non detalla os motivos xurídicos que o levan a rexeitar este recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo galego. É de esperar que nos vindeiros días o TC elabore unha nova comunicación para explicar máis polo miúdo a súa decisión.

Modificación da Lei de Costas

A Lei de cambio climático levada á Cámara Baixa o pasado ano polo Goberno de Pedro Sánchez introducía un artigo, o 20.4, que viña corrixir unha modificación da Lei de Costas que levara a cabo o anterior Executivo estatal, encabezado por Mariano Raxoi.

Esa modificación do regulamento non deixaba claro se as novas prórrogas de concesións privadas en terreos públicos debían estar supeditadas ao límite temporal de 75 anos.

Nun primeiro momento, a redacción do artigo 20.4 deu a entender que se aplicaría con carácter retroactivo, o que podería chegar a anular as prórrogas que se concederan con anterioridade.

Finalmente, unha corrección no texto legal deixou claro que só as concesións aprobadas a partir do momento de entrada en vigor desa lei estarían afectadas pola mesma.