A modificación da Lei de costas ameaza máis dun cento de empresas galegas

Arredor dun cento de empresas e 3.000 traballadoras e traballadores pódense ver afectadas pola modificación do regulamento de Costas que prevé o Ministerio para a Transición Ecolóxica. As firmas afectadas reclaman seguridade xurídica para poder seguir coa súa actividade con garantías.
Piscifactoria
photo_camera Piscifactoria

Galiza conta con preto de 1.700 quilómetros de litoral no que se asentan centos de empresas de toda índole, entre as que destacan as conserveiras e transformadoras de produtos do mar. Estas firmas representan 2,8% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, cunha facturación que supera os 2.000 millóns de euros. Pero non son as únicas. Factorías como as de Ence, Alcoa ou Xeal (antiga Ferroatlántica) tamén están radicadas na primeira liña de costa, cuxas regras de xogo pretende modificar o Ministerio para a Transición Ecolóxica de Teresa Ribera.

Representantes das empresas  da cadea mar-industria advirten de que a Lei de Cambio Climático, que promove o Goberno español e que xa iniciou a súa tramitación parlamentaria, inclúe unha modificación "pola porta de atrás" da Lei de Costas que pon en risco máis dun cento de empresas con preto de 3.000 postos de traballo asociados.

Non é a primeira vez que desde o Goberno español tratan de modificar o regulamento que afecta ás concesións en dominio público marítimo terrestre. De feito, o ano pasado xa se falara dunha modificación do regulamento de costas que non se levou a cabo, após comprometerse o ministerio a non tocar esta cuestión.

Agora, o departamento de Ribera promove unha nova modificación, desta vez a través da Lei de Cambio Climático que vén a derrogar as concesións unha vez que finalice o prazo das mesmas e deixa sen efecto as prórrogas. 

Desde as organizacións que representan as empresas afectadas critican as formas e a falta de diálogo por parte do Executivo estatal, ao que exixen seguridade xurídica para poder seguir a desenvolver o seu labor. 

O presidente da Asociación Galega de Comercialización e Depuración de Moluscos (Agade), Roberto Fariña, avisaba hai uns días da situación "tremendamente complexa" que vive o sector de mar-industria, tras a "sorpresa" incluída no proxecto de lei de cambio climático no que "queda limitado" o uso na costa de concesións, o que "provoca que a gran maioría das empresas teñen un final de uso moi próximo".

Após un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao que pediu que defenda os intereses desde colectivo, Fariña lembrou que as empresas de conservas, marisqueo e acuícolas levan anos a facer un uso "sustentábel" da costa, que é o espírito desta lei, e por iso pide que "impere o sentido común".

Futuro incerto para os polígonos de bateas

Pola súa banda a conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalaba recentemente nunha comparecencia que a "ambigüidade" con que está redactada a modificación non deixa claro se as bateas e os parques de cultivo se verán afectados polo novo regulamento. A lexislación de 2013 permitía ampliar as concesións até un máximo de 50 anos, unha prórroga que as persoas propietarias destas instalacións descoñecen agora se poderán seguir aplicando e, de ser así, se o prazo contará desde a data en que se tramitou dita renovación ou desde o momento inicial da concesión. 

Esta última é a proposta que presentou o ministerio en febreiro que, como apuntan desde Mar, pode contravir o previsto nunha norma con rango de lei para as concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre. Ademais, avisan de que, de saír adiante a proposta, habería arredor de 3.500 explotacións de bateas en perigo.

Garantías xurídicas

O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, trasladou aos diferentes actores do sector acuícola e marisqueiro galego a promesa de que o Ministerio que dirixe Teresa Ribera terá en conta as súas achegas na reforma da Lei de Costas para que poidan desenvolver a súa actividade con "plenas garantías xurídicas e ambientais". 

Nun encontro telemático con representantes da Asociación Empresarial de Acuicultura, o Clúster da Acuicultura, a Asociación Galega de Depuradores e Comercializadores de Moluscos, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado (Anfaco) e da Federación de Asociacións de Mexilloeiros, Losada insistiu en que o sector "non debe ter motivos de preocupación" pola modificación do artigo 18, que fai referencia á consideración do cambio climático na xestión do dominio público marítimo terrestre, xa que o prazo das concesións ao que fai referencia dito artigo "respecta a lexislación básica, que fixa en 75 anos o período máximo". "Este máximo non afecta economicamente ao sector marítimo alimentario pola sinxela razón de que a normativa sectorial vixente fixa prazos inferiores aos 75 anos para estas actividades", engadiu Losada. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios