Última parada da Lei de Cambio Climático

Só falta a súa aprobación no Senado para que entre en vigor.
A Plataforma das Vítimas do accidente exixen o cesamento do antigo xefe de seguridade de circulación de Adif, Andrés Cortabitarte (Foto: Europa Press)
photo_camera Fábrica de Ence en Lourizán, Pontevedra, que leva 65 anos ocupando o dominio público marítimo terrestre (Foto: Europa Press)

A Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso aprobou esta quinta feira, 8 de abril, enviar o proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética ao Senado, coa previsión de que sexa aprobado definitivamente alí antes do final de abril.

Despois da tramitación de máis de 750 emendas ao longo do proceso a lei sae adiante con dúas datas chave: 2030 e 2050.

En 2030 o Estado terá que ter reducido un 23% as emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990, elevando a xeración de electricidade con fontes limpas até o 74% da produción eléctrica e mellorado a eficiencia enerxética até o 39,5%.

Xa en 2050 a lei prevé chegar á neutralidade climática, con 100% da electricidade xerada por enerxía renovábeis.

Un dos elementos que introduce a lei é a prohibición da exploración e explotación de hidrocarburos e a minería de uranio, rematando cos proxectos de fracking no mar Mediterráneo e co proxecto de mina en Retortillo (Salamanca) que pretendía explotar a empresa australiana Berkeley, este proxecto recibira duras críticas do Bloque de Esquerda portugués pola afectación dos residuos ao río Douro.

Unha vez aprobada a lei non se admitirán máis solicitudes de explotación nin se concederán máis permisos.

O aspecto máis cuestionado na Galiza do proxecto de lei é o artigo 18, que alude á duración das concesións e prórrogas de ocupación de terreo do dominio público marítimo terrestre; neste punto, Néstor Rego, deputado do BNG, presentou unha emenda que non foi aceptada para eliminar o artigo.

“Defendemos que hai que protexer o litoral e que actividades contaminantes e lesivas non poden estar situadas en dominio público marítimo terrestre, sexan complexos vacacionais, plantas petroquímicas ou celulosas como o caso de ENCE” proclamou Rego.

En cambio, ás mariscadoras, a pesca, as depuradoras de marisco, as conserveiras, son un sector sostíbel que non se pode ver afectado pola confusión provocada por un lei “pensada para outras latitudes” sentenciou o deputado nacionalista, que propuxo desenvolver ese apartado lexislativo na Lei de Costas. O Consello de Estado xa deu hai meses a razón ao BNG neste punto.

Comentarios