O Constitucional aproba as propostas de Goberno e CXPX: os maxistrados progresistas serán maioría

A sede do Constitucional, fotografada esta mesma quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
O Executivo propuxo o ex ministro de Xustiza Juan Carlos Campo e a ex directora xeral do Ministerio de Presidencia Laura Díez, namentres o CXPX, após cederen os maxistrados de sensibilidade progresista para desbloquear a remuda, apostou polos maxistrados do Supremo César Tolosa e María Luisa Segoviano, esta última xa xubilada.

O Tribunal Constitucional deu esta quinta feira o visto e prace aos maxistrados propostos polo Goberno español e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) para a renovación parcial do órgano de garantías tras examinar se cumprían cos requisitos de idoneidade que fixa a lei. Segundo informou o órgano de garantías, o pleno gobernativo aprobou por unanimidade as candidaturas do maxistrado da Audiencia Nacional e ex ministro de Xustiza Juan Carlos Campo e da ex directora xeral do Ministerio de Presidencia Laura Díez, propostos polo Executivo, así como do maxistrado do Supremo César Tolosa e da xuíza xubilada do mesmo tribunal María Luisa Segoviano, por parte do CXPX.

Así, o Constitucional considerou que os catro cumpren cos requisitos estabelecidos na lei: son cidadáns españois de carreira maxistrados, fiscais, avogados, profesores universitarios ou funcionarios públicos, "todos eles xuristas de recoñecida competencia con máis de 15 anos de exercicio profesional ou en activo na respectiva función".

O pleno Gobernativo reuniuse esta quinta feira para iniciar o trámite polo que se substitúe os catro maxistrados do Constitucional que viron caducar o seu mandato o pasado 12 de xuño. Tras recibir o visto e prace desta mesma quinta, os novos ingresos xurarán ou prometerán o cargo ante o rei Felipe VI, a quen compete nomealos, para un período de nove anos. Concluído este acto protocolario, os candidatos xa poderán tomar posesión no TC.

Os catro maxistrados designados polo Goberno e o CXPX substituirán o presidente actual do Constitucional, Pedro González-Trevijano; o seu vicepresidente, Juan Antonio Xiol, e os maxistrados Antonio Narváez e Santiago Martínez-Vares, que compoñen o terzo que a Constitución encarga renovar ao Executivo e ao órgano de goberno dos xuíces.

Cambio de maiorías

Coa entrada destes catro candidatos, cambia o taboleiro de maiorías no Constitucional. Até o de agora, no tribunal figuraban seis maxistrados do bloque conservador e cinco do progresista. De feito, a semana pasada o TC resolveu unha votación inédita con esta fórmula —seis a favor e cinco en contra— para paralizar de forma urxente a tramitación parlamentaria, xa no Senado, das dúas emendas polas que se modificaba o sistema de elección e chegada dos dous candidatos ao TC que nomea o CXPX, admitindo así as medidas cautelarísimas solicitadas polo PP no seu recurso contra as devanditas emendas.

A chegada de Segoviano, Campo e Díez cambiará este escenario e favorecerá o bloque progresista, que conseguirá reunir sete maxistrados. Os conservadores, pola súa parte, quedarán con catro. Todo iso, á espera de que se cubra a vacante do maxistrado Alfredo Montoya, que abandonou o cargo no verán por motivos de saúde.

A lei estipula que a praza deste xuíz cubrirase da mesma forma na que se designou e polo tempo que lle restase; é dicir, a través do Senado. Antes da súa designación, o elixido deberá comparecer previamente ante a correspondente comisión da sede lexislativa.

Elección do novo presidente do TC

Unha vez que os catro novos integrantes do Constitucional tomen posesión, procederase á elección do novo para substituír González-Trevijano. Será unha votación secreta que, nunha primeira volta, requirirá maioría absoluta e, no caso de que non se alcance, procederase a unha segunda votación que se resolverá por maioría simple.

Se hai empate, votarase de novo. Se se repite a situación, será proposto para o cargo de presidente o de maior antigüidade no TC; se houber dous maxistrados coa mesma antigüidade, será proposto o de maior idade. O nome do presidente e do vicepresidente elixido elevarase ao xefe de Estado para o seu nomeamento por un período de tres anos.

Só poderán ser reelixidos unha vez. Até o de agora, os dous nomes que transcenderon para presidir o órgano de garantías son os de Cándido Conde-Pumpido e María Luisa Balaguer, ambos os dous candidatos de sensibilidade progresista.