Maxistrados do Constitucional español recoñecen a interferencia no lexislativo

O tribunal, xa con maioría progresista, analizará recursos como o do aborto.
O Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo (Foto: Zarateman / Creative Commons).
photo_camera Sede do Tribunal Constitucional. (Foto: Zarateman / Creative Commons)

Onte fíxose público o veredicto íntegro do Tribunal Constitucional (TC) da segunda feira da semana pasada, na que suspendeu a tramitación parlamentaria no lexislativo dunha reforma que implicaba a substitución de dous xuíces conservadores do TC en funcións.

Tres maxistrados progresistas presentes no debate, Cándido Conde-Pumpido, Ramón Sáez Valcárcel e Inmaculada Montalbán, aclararon no seu voto particular que a decisión "é insólita na historia do TC", e asumiron que "constitúe unha interferencia sen precedentes no lexislativo".

Asemade, fai fincapé en que os dous xuíces conservadores -incluíndo o presidente do TC- que se negaron a aceptar a súa recusación para manter a maioría conservadora non deberon formar parte da decisión, polo que actuaron como "xuíz e parte".

A rápida actuación dos conservadores para frear a norma que desbloqueaba a remuda do TC por medio dun recurso do Partido Popular (PP) "traslada á opinión pública unha imaxe de seguidismo" coas forzas políticas que os promoveron ao posto.

Pola contra, os xuíces conservadores apuntaron que a medida foi proporcional e que as recusacións solicitadas contra os xuíces que evitaron a súa substitución coa suspensión do debate e votación da norma "carecen de fundamento".

Xa con maioría progresista no TC unha vez que o Poder Xudicial aprobou antonte o recambio dos maxistrados que ten que seleccionar, hai varias cuestións que quedarán adiadas e que abordará a nova composición do órgano, como os recursos do PP e Vox á suspensión do dereito do Poder Xudicial a nomear xuíces no caso de estar caducado, á norma do aborto ou á votación da mudanza da reforma laboral no Congreso.

Comentarios