O Constitucional admite a trámite o recurso da Xunta contra o imposto ás grandes fortunas

Edificio do Tribunal Constitucional en Madrid (Foto: Nós Diario).

Volve rexeitar a suspensión cautelar deste tributo para patrimonios superiores aos 3 millóns de euros.

O Tribunal Constitucional (TC) admitiu a trámite os recursos presentados polos Gobernos da Galiza e Madrid contra o imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas (que grava o patrimonio neto das persoas físicas de contía superior aos 3 millóns de euros), á vez que confirmou a súa decisión inicial de non suspendelo, denegando unha segunda petición neste sentido do Executivo andaluz e outra do madrileño.

O primeiro Goberno autonómico en recorrer este imposto temporal foi o de Andalucía, alegando que coa creación deste novo tributo o Estado español estaba a “invadir as súas competencias”.

O Constitucional admitiuno o pasado 21 de marzo e entón xa rexeitou suspendelo preventivamente en aplicación da súa doutrina. Con todo, a Junta andaluza presentou un recurso de súplica que foi desestimado.

Segundo informou o TC, os maxistrados argumentan que "a denegación da medida cautelar responde á manifesta falta de cobertura legal, na Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, dunha decisión de suspensión da eficacia ou a execución das leis estatais".

Neste sentido, razoan que "a resolución apropiada para denegar a solicitude realizada polo recorrente era a providencia, pois o sentido da decisión do tribunal era unicamente o de constatar, sen máis, a imposibilidade xurídica a priori de proceder da maneira interesada, sen que houbese polo tanto, posibilidade algunha de entrar a dar resposta aos argumentos esgrimidos a favor da súa adopción".

Galiza e Madrid

Ao mesmo tempo, admitiu a trámite os recursos presentados posteriormente contra este mesmo imposto polos Gobernos madrileño e galego, rexeitando igualmente a suspensión cautelar solicitada polo encabezado por Isabel Díaz-Ayuso.

Alegan que o novo tributo podería vulnerar, entre outros, os principios de seguridade xurídica, capacidade económica e non confiscatoriedade, así como a autonomía política e financeira das Comunidades.