O Garda Civil buscado polo asasinato da súa ex parella suicídase nun monte próximo aos feitos

Inmediación do cámping O Muiño (Foto: Turismo de Galicia).
O presunto autor dos feitos matouse dun disparo sobre as 22.15 horas deste sábado.

O garda civil sospeitoso de matar á súa ex parella en Oia, no Baixo Miño, suicidouse dun disparo nun monte próximo ao lugar dos feitos no que foi localizado pola Garda Civil.

Segundo fontes consultadas, trátase dun axente da Garda Civil que tiña unha orde de afastamento de 300 metros da vítima e a prohibición de comunicarse con ela.

Segundo informou o Instituto Armado, o presunto autor dos feitos suicidouse sobre as 22.15 horas deste sábado tras máis dunha hora na que os axentes tentaron dialogar con el para que se entregase.

A Garda Civil buscaba ao home desde a tarde deste sábado tras localizarse o corpo da muller nas inmediacións do cámping O Muíño, situado na parroquia de Mougás, ao pé da estrada que une Baiona e A Guarda. A muller recibiu varios disparos cando saía de traballar no mencionado cámping.

O 112 tivo coñecemento dun altercado neste punto sobre as 16.10 horas da tarde deste sábado. Nese momento, a central de emerxencias mobilizou até o lugar á Garda Civil e á Policía Autonómica.

A alcaldesa en funcións de Oia, Cristina Correa, sinalou que, segundo lle trasladou a responsable do cámping, a vítima era natural de Lugo e vivía no municipio desde facía pouco tempo "acollida" por unha veciña.

Este sería o segundo crime machista ocorrido na Galiza este 2023 tras o asasinato dunha muller en Baiona o pasado mes de febreiro polo que foi detida á súa ex parella.

Polo momento, fíxose cargo do caso o Xulgado número 2 de Tui, que está de garda. Con todo, en canto se confirme como un caso de violencia de xénero, o encargado será o número 1, competente nesta materia.