Conservación da biodiversidade e innovación educativa, da man

Profesorado e alumnado durante a observación de paxaros na praia da Torre.

O instituto Félix Muriel forma parte do proxecto ‘Estudos e investigacións sobre o Cambio Climático na UE’ con outros dous centros de Irlanda e Croacia, unha iniciativa da Fundación Antón Losada Diéguez para xerar innovación nos procesos educativos

Dende hai uns días, o IES Félix Muriel de Rianxo conta coa presenza de estudantes de dous centros de Irlanda e Croacia, unha visita enmarcada no proxecto ‘Estudos e investigacións sobre o Cambio Climático na UE’. Posto en marcha pola Fundación Antón Losada Diéguez, centra o seu ámbito de acción no estudo das especies en perigo de extinción nos tres países participantes.

A idea xorde de Miguel Losada, neto de Antón Losada Diéguez e avogado residente en Irlanda. Como el mesmo sinala, “a Fundación está tratando de darlle contido á Xeración Nós a través do ámbito educativo, con proxectos erasmus para promocionar a cultura galega no estranxeiro”. Deste xeito, centrouse a cuestión no cambio climático e contactouse coa Sociedade Galega de Historia Natural, que concretou a temática e a biodiversidade a estudar, así como a idoneidade de contar cun centro galego situado na costa. Pola súa abundancia de especies ornitolóxicas e mariñas, así como a proximidade coa montaña, Rianxo reunía todas as características para o desenvolvemento do programa.

Ademais do instituto rianxeiro, están inmersos na iniciativa o irlandés Galway Community College e o croata Hrvatska Gimnazija de Rijeka. A estrutura de coordinación é similar nos tres centros: para abordar o estudo, cada un conta co asesoramento dun grupo naturista, que dará a coñecer na súa respectiva publicación unhas fichas nas que se describe a cada unha das 27 especies seleccionadas, as problemáticas que sofren e unha acción innovadora para a súa conservación. Todo ilo elaborado polo alumnado participante, un total de 135 estudantes (15 por país e curso nos 3 anos que dura o proxecto). No caso galego, o traballo está recollido na revista Paspallás da Sociedade Galega de Historia Natural, presentada a pasada quarta-feria no Félix Muriel.

Aínda que tiña que ter comezado no 2020, a pandemia impediu que se puidese celebrar no pasado curso académico. Neste período, Rianxo foi a vila que acolleu a primeira das tres viaxes do alumnado, que chegou á Galiza o pasado sábado. Contando co apoio do Concello para a realización de actividades, visitaron A Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra. Ademais, tiveron a ocasión de facer unha observación de paxaros na praia da Torre e participaron no magosto preparado polo centro. O seu director, Ramón Veiga, comentaba que “tamén é importante que coñezan a nosa cultura, ao final funciona como un intercambio calquera”.

Por outra banda, Veiga tamén destacou o programa como unha vía de interese para coñecer outros sistemas educativos e ver novas alternativas. “O centro irlandés, por exemplo, está máis orientado á formación profesional e á recuperación de alumnado en dificultades e con necesidades educativas, unha cuestión que temos presente aquí, pero quizais non tanto na súa dimensión”, apuntaba.

Un proxecto con futuro

Pouco a pouco e a pesar das dificultades de interacción entre o alumnado nun principio, a investigación vai collendo forma e dando paso á outra parte do programa, que consiste na gravación dun documental audiovisual. Así, desprazaranse ata unha praia para pintar na area o nome das especies estudadas nos 4 idiomas e gravalo con drons, recalcando tamén na peza un sentimento de unión no respecto polo medio ambiente. O seguinte paso a dar será a elaboración do traballo de xeito colaborativo e simultáneo entre os centros, xa que, ata o de agora, encargábanse de analizar as súas 27 especies separadamente.

O alumnado galego, que comezou coa elaboración das fichas no pasado curso e que agora se atopa en 1º de Bacharelato, viaxará a Croacia a mediados de maio e a Irlanda en abril, aínda que non hai unha data pechada. Ao final da experiencia, que remata no 2023, teranse estudado unhas 243 especies en perigo de extinción.

Porén, tanto a Fundación como o centro están a traballar para darlle continuidade á iniciativa a través dun novo proxecto, que se estenderá ata o 2027. Relacionado tamén co cambio climático, a idea -aínda a desenvolver- centrarase na oceanoloxía e no quecemento global dos mares, participando nesta ocasión un escola e unha ONG de Nuuk (Groenlandia), a onde tamén viaxarán os estudantes.