Xustiza

O Supremo adía a xuño a fixación de doutrina na lei do 'só si é si'

Fiscais do Tribunal Supremo reuniranse en xuño. (Foto: Poder Xudicial)
O BNG presenta emendas para pór o consentimento no centro

A Sala do Penal do Tribunal Supremo celebrará entre o 6 e o 7 de xuño un Pleno monográfico para fixar criterio sobre os recursos presentados contra as revisións efectuadas polos tribunais sentenciadores a causa da coñecida como Lei de 'só si é si'

Será a primeira vez que o Supremo entre a analizar se os tribunais aplicaron ben a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual nas súas revisións de pena. A sala levará a cabo este estudo co obxectivo, non só de unificar criterio, senón tamén de fixar doutrina, dado que xa acumula máis de 20 recursos de casación contra autos de revisións.

Emendas do BNG

O BNG rexistrou esta terza feira unha serie de emendas á Proposición da Lei Orgánica para a modificación do Código Penal no referido aos delitos de liberdade sexual, que pretende reformar os cambios operados pola coñecida como Lei de 'só si é si'. O grupo nacionalista centra as súas emendas en manter o consentimento como elemento central do tipo, en contraposición á proposta presentada polo PSOE e apoiada polo PP, "que volve pór o foco na violencia e na intimidación". 

Ademais, propoñen unha modificación das penas para garantir unha maior proporcionalidade nas penas dos delitos de agresión e violación, "para que sexa despois o órgano xulgador o que, razoando a sentenza, gradúe a condena en base á inexistencia de violencia, intimidación ou outras circunstancias concretas que concorran en cada caso, sen desviar o foco do consentimento".

Pola súa parte, esta segunda feira o PSOE declarou que non aceptará as emendas de Unidas Podemos nin as de ERC e EH Bildu, que sitúan a violencia e a intimidación como circunstancias agravantes, e non tocan os artigos 178 e 179 do Código Penal para manter o consentimento no centro da lei, como tamén propón o BNG.