Vaga de calor: seis consellos prácticos e sinxelos para combater as altas temperaturas

Non é aconsellábel visitar as praias nas horas de máxima calor. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Unha axeitada hidratación e eludir o sol nas horas de máxima calor son as principais recomendacións das persoas expertas.
  1. Hidratarse con frecuencia
  2. Evitar comidas pesadas
  3. Limitar a práctica deportiva
  4. Levar roupa lixeira
  5. Fuxir das horas de máxima calor
  6. Ventilar os interiores

Unha masa de ar cálido procedente do norte do continente africano axexa estes días o país. O Goberno galego situou a pasada semana medio centenar de concellos en nivel máximo de alerta por mor da vaga de calor, unha advertencia que nas últimas horas vén de se estender á totalidade do país.

As altas temperaturas, que en moitos puntos da Galiza ascenden por riba dos 40 graos centígrados, poden provocar un aumento das patoloxías asociadas á calor durante os próximos días. Velaquí unha serie de consellos para facer fronte a esta climatoloxía adversa.

Hidratarse con frecuencia

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda, por norma xeral, a inxesta de entre 1,5 e 2 litros de auga por día. Porén, nestes días de elevadas temperaturas, cómpre beber máis de dous litros diarios de, sobre todo, auga e zumes de froita lixeiramente fríos.

Mais a cantidade exacta depende de diversos factores como, por exemplo, a estatura e peso de cada persoa. Sexa como for, non se debe agardar a ter sede para tomar líquidos.

As persoas expertas non aconsellan, pola contra, a inxesta de bebidas quentes, alcólicas, azucradas, café ou té.

Evitar comidas pesadas

Cómpre, aliás, evitar as comidas pesadas ou en cantidades moi abundantes. É preferíbel comer máis veces ao día que habitualmente, mais en menor cantidade. O consumo de froitas e verduras é especialmente recomendábel.

Limitar a práctica deportiva

A vaga de calor non é incompatíbel coa práctica deportiva, mais si cómpre evitala nas horas centrais do día, nomeadamente entre as 12 e as 17 horas, cando a calor é máis abafante.

Aconséllase practicar deporte a primeira hora da mañá ou a última da tarde, así como utilizar roupa curta, tecidos cómodos e transpirábeis e protexer a pel con crema solar.

Levar roupa lixeira

Estas últimas recomendacións para o deporte poden extrapolarse a calquera exposición ao sol durante o día. Así, son recomendábeis os tecidos naturais, lixeiros, folgados e de cores claras, así como portar lentes de sol e aplicar na pel crema protectora —coa maior protección posíbel, nunca inferior a 20—.

Fuxir das horas de máxima calor

A calquera hora, mais especialmente cando máis forte bate o sol, débense buscar zonas con sombra e fuxir da exposición directa para evitar posíbeis insolacións, para o que tamén cómpre levar gorra ou chapeu.

Non se debe, en ningún caso, durmir durante un tempo prolongado tomando o sol, e as autoridades tamén desaconsellan ir á praia nesas horas de maiores temperaturas.

Ventilar os interiores pola noite

No interior dos edificios é preciso buscar espazos ventilados ou acondicionados e utilizar as estancias máis frescas da vivenda. Durante o día cómpre baixar as persianas e fechar as xanelas, mentres pola noite deben abrirse para ventilar.

Cando máis pega o sol recoméndase unha ducha con auga morna, nunca moi quente ou demasiado fría, xa que isto podería alterar de forma drástica a temperatura corporal e provocar baixadas de tensión.