O Consello Nacional de Erguer escolle Artai Gavilanes como novo responsábel da organización

O responsábel de Erguer, Artai Gavilanes (Foto: Nós Diario).
"É para min un orgullo representar a organización estudantil nesta nova etapa" afirmou o novo responsábel.

O Consello Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza reuniuse este domingo para repartir responsabilidades e designar os traballos futuros, após o decorrer da súa Asemblea Nacional. Aliás, na mesma, Artai Gavilanes tomou posesión do seu novo cargo como responsábel da organización.

"É para min un orgullo representar a organización estudantil nesta nova etapa" afirmou Gavilanes, sendo consciente do cambio que se vén producindo no ensino duns anos para aquí. Ante estes cambios promete responder de “maneira eficaz” ás problemáticas que se lles presenten ao estudantado.

Perante os retos que deberá afrontar declarou “voltar baleirar as aulas para encher as rúas na defensa dos dereitos do estudantado galego”.

A organización definiu as liñas de traballo máis inminentes entre as cales se atopan participar da manifestación nacional contra a suba dos prezos, que terá lugar o 18 de decembro en Santiago de Compostela. Esta crise, que afecta directamente os petos das clases populares, faino tamén en grande medida co estudantado galego, por iso saíremos o 18 ás rúas"  declarou Gavilanes.

Primeira forza organizada no clautro da Universidade de Vigo

A organización estudantil chegou á Asemblea Nacional após tres anos da última, cun período "marcado pola crise da Covid-19, a docencia telemática, a aparición da primeira universidade privada e unha fonda crise social e económica" segundo indicaron desde a organización a través dun comunicado.

A organización estudantil lembrou que nas eleccións precedentes "50% dos postos de estudantes no claustro ficaron baleiros". Desta volta, as vacantes sen asignar baixaron a 16%: "O número de postos baleiros reduciuse de 37 a 12, mais elixindo menos representantes que nos anteriores comicios".

Porén, a participación foi especialmente baixa entre o alumnado: 4,75%, isto é, menos de cinco de cada cen estudantes. "Os valores de participación son preocupantes e recórdannos todo o traballo que nos queda por facer. E seguimos adiante a pesar das presións que recibimos desde o primeiro momento", concluíu a organización.