O Consello Económico pide políticas "claras" e recursos para garantir que se cumpra a lei de igualdade

O Consello estima que deberían estabelecerse as obrigaspara a Administración Pública como entidade empregadora no que se refire aos dereitos de igualdade e conciliación(Foto: Nós Diario).

Alerta da "imposibilidade xurídica" dalgunhas empresas de implantar plans desta índole

Un ditame do Consello Económico e Social advirte da "falta de concreción" no anteproxecto da Lei para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes de Galiza, impulsado pola Xunta, e incide na necesidade de "políticas claras", así como a dotación de recursos, entre outras cuestións para a educación e a prevención.

"Cara á consecución dos obxectivos da norma e, en concreto, a erradicación da violencia por razón de xénero", engade en relación ás súas demandas nun ditame sobre unha normativa que ten por obxectivo "reforzar o compromiso na eliminación da discriminación entre homes e mulleres e na promoción da igualdade de xénero".

No que se refire á "falta de concreción" dalgúns aspectos no citado anterpoxecto, cita as medidas relativas á igualdade de xénero e dixitalización; a promoción da igualdade de homes e mulleres no ámbito local; no que respecta ao estatuto das mulleres do rural e do mar ou na protección das vítimas de explotación sexual.

Tamén estima que deberían estabelecerse as obrigacións para a Administración Pública como entidade empregadora no que se refire aos dereitos de igualdade e conciliación ou o establecemento dun plan de igualdade neste ámbito. 

 

 

Plans en empresas

O ditame chama tamén a atención sobre a "imposibilidade xurídica" dalgunhas empresas para facer un plan de igualdade e, en particular, alude ás cooperativas de traballo asociado sen persoal asalariado. "Que poderían verse discriminadas se os estímulos por parte da Administración están centrados nos plans de igualdade".

Por outra banda, ve necesario prestar "especial atención" á situación de "discriminación interseccional". "Por ser a que, en maior medida, viven as mulleres con discapacidade ou as mulleres no ámbito rural e do mar".

Xunto á cooperación entre administracións, expón outras cuestións como que se inclúa o empoderamiento das mulleres como "principio para a igualdade" xa que incide en que isto constitúe "un elemento fundamental para que as estratexias cara á igualdade, nos distintos ámbitos, sexan máis efectivas". Para iso, reclama apoios "de calquera tipo", incluído o psicosocial.

Tamén propón incorporar á citada lei un novo artigo relativo á discriminación por razón de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e outro con accións para mellorar as condicións laborais das mulleres embarazadas.