O Consello de Administración de Sermos Galiza nomea subdirector Xesús M. Piñeiro

Xesús M. Piñeiro, á dereita da imaxe, con Xoán Costa e María Obelleiro

Perante a posta en marcha dos traballos previos para a saída de Nós Diario, coa incorporación de máis xornalistas, o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., presidido por Xoán Costa, decidiu nomear Xesús Manuel Piñeiro subdirector do novo medio que verá a luz en papel e na rede o 2 de xaneiro.

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., presidido por Xoán Costa, nomeou Xesús M. Piñeiro subdirector de Nós Diario, o novo medio que verá a luz en papel e na rede o 2 de xaneiro e do que María Obelleiro é directora. Xesús M. Piñeiro leva vinculado a Sermos Galiza desde o nacemento do proxecto en 2012 como xornalista, sendo membro da redacción orixinaria e desenvolvendo nestes anos o seu traballo nas diferentes seccións, nomeadamente as vinculadas a Economía e Traballo.

Nado en Viveiro en 1973 e criado desde moi novo en Rianxo, cursou Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela e realizou prácticas no Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, desde onde achegou colaboración en diferentes medios. Desenvolveu a súa actividade profesional en diferentes medios, como El Correo Gallego e Diario de Arousa, desde onde pasou a facer parte de Sermos Galiza.

Primeiros pasos

A redacción de Nós Diario botou a andar durante a xornada desta terza feira, día 1 de outubro. Nós Diario botará a andar o vindeiro 2 de xaneiro tanto en papel como na rede. Deseñado por un dos máis brillantes grafistas da Galiza, Pepe Barro, as informacións irán asinadas por un equipo de profesionais da información cuxa media de idade atópase nos 35 anos e que conforman unha redacción que mestura a experiencia de profesionais de ampla traxectoria en medios galegos coa formación máis actual de xornalistas graduadas nos últimos anos na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. lembra que o Nós Diario nace grazas ao apoio das máis de 3.000 asinantes que garantirán a súa estabilidade financeira e anima todas as persoas que non ven satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional a se sumar a Nós Diario mediante as distintas modalidades de subscrición (pode accederse aos contidos do diario por só 56 céntimos ao día –no caso da subscrición anual ao diario dixitalizado na nube–).

Nós Diario editarase de terzas a sábados, día en que o acompañará un Sermos Galiza remozado a modo de suplemento. Na rede, editarase os 365 días do ano para informar un público obxectivo de pensamento aberto, actual e implicado, con temáticas que non adoita recoller a prensa convencional, como os feminismos, o traballo, a diáspora, a historia, o ecoloxismo, a lingua, os dereitos e liberdades civís…

O diario en papel estruturase ao redor de catro grandes módulos de información: Galiza, Traballo, Internacional e Cultura e Axenda e contará con tres seccións de ruptura: Opinión, En Foco e a Última.

Nos próximos tres meses, a Redacción de Nós Diario traballará na posta en marcha do proxecto.