O Consello de Administración de Sermos Galiza nomea María Obelleiro directora de 'Nós Diario'

María Obelleiro

Perante a inminente posta en marcha dos traballos previos para a saída de Nós Diario, coa incorporación de máis xornalistas, o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., presidido por Xoán Costa, decidiu nomear María Obelleiro directora do novo medio, que verá a luz en papel e na rede o 2 de xaneiro.

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., presidido por Xoán Costa, vén de nomear María Obelleiro directora de Nós Diario, o novo medio que verá a luz en papel e na rede o 2 de xaneiro. María Obelleiro leva vinculada a Sermos Galiza desde o seu nacemento, como colaboradora, e pasou a formar parte da Redacción en 2015, cando se encargou de coordinar o semanario en papel e en xaneiro de 2017 recibiu a encomenda de o dirixir. Desde febreiro de 2019 tamén encabeza o diario dixital sermosgaliza.gal.

Traxectoria

Nada en Soutomaior en 1985, licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (promoción 2003-2007) e ampliou os seus estudos cun mestrado en Protocolo e Relacións Institucionais, cun mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e co Grao en Educación Primaria.

Comezou a súa actividade profesional en A Nosa Terra e colaborou en Correo Televisión, na Radio Galega e en Tribuna Catalana. De 2004 a 2008 participou na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Especialista en xornalismo en igualdade, obtivo o Premio Johán Carballeira en 2016-2017 coa reportaxe O apartheid sanitario na Galiza.

Incorporacións o 1 de outubro

Ademais de acordar o nomeamento de María Obelleiro como directora de Nós Diario, o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. aprobou o deseño gráfico da edición en papel do novo medio, a cargo dun dos máis brillantes grafistas da Galiza, Pepe Barro.

O próximo 1 de outubro comezará a traballar o novo equipo de Redacción coa incorporación das e dos xornalistas que formarán parte de Nós Diario e que nos próximos meses darán forma aos números cero que precederán a saída do novo diario, tanto en papel como dixital, o 2 de xaneiro.

A Redacción de Nós Diario, cuxa media de idade atópase nos 35 anos, combina a experiencia de profesionais de ampla traxectoria en medios galegos coa formación máis actual de xornalistas graduadas nos últimos anos na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

Subscricións

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. lembra que o Nós Diario nace grazas ao apoio das máis de 3.000 asinantes que garantirán a súa estabilidade financeira e anima a todas as persoas que non ven satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional a se sumar a Nós Diario mediante as distintas modalidades de subscrición (pode accederse aos contidos do diario por só 56 céntimos ao día –no caso da subscrición anual ao diario dixitalizado na nube–).

Nós Diario editarase de terzas a sábados, día en que o acompañará un Sermos Galiza remozado a modo de suplemento. Na rede, editarase os 365 días do ano para informar a un público obxectivo de pensamento aberto, actual e implicado, con temáticas que non adoita recoller a prensa convencional, como os feminismos, o traballo, a diáspora, a historia, o ecoloxismo, a lingua, os dereitos e liberdades civís

O diario en papel estruturase ao redor de catro grandes módulos de información: Galiza, Traballo, Internacional e Cultura e Axenda e contará con tres seccións de ruptura: Opinión, En Foco e a Última.

 

[No interior da información, imaxe das e dos integrantes á última reunión do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A. De esquerda a dereita: Nemésio Barxa, Manuel da Cal, Nicolasa Castro, Xoán Costa (presidente e conselleiro delegado), Xan Colazo, Marga do Val, Sira Vidal e Roberto Vilameá (xerente)]