A Xunta retira o polémico borrador que cambiaba o modelo da universidade pública cara a un 'online'

Aula da universidade (arquivo).

Os reitorados das universidades galegas tamén manifestaron o seu rexeitamento ao borrador.

O proxecto da Xunta, encargado a Feuga e unha consultora externa, para avanzar no ensino por vía telemática fronte á presencial semella que non convenceu ninguén. Nin estudantes, nin docentes, nin sindicatos. A Consellaría de Educación decidiu retirar o borrador, se ben hai quen sinala que proximidade das eleccións do 12 de xullo puido influír na decisión da Xunta, temerosa dun conflito ás portas de acudir ás urnas.

As reitorías das universidades galegas tamén manifestaron o seu rexeitamento a este proxecto que pretende en apenas 2 anos transformar a universidade galega nunha modalidade on line. Consideran os reitores que calquera proceso deste tipo non se pode facer sen consultar nin ter en conta ás universidades, que son as que deberían pilotar o proceso.

As universidades traballan nun documento alternativo para remitir á Xunta. Lembremos que o “Programa de Transformación” para as universidades galegas promovido pola Xunta encargouse ao Feuga (Fundación Empresa Universidade) e unha consultora externa.

O borrador colleitou un rotundo rexeitamento desde os sindicatos docentes, o colectivo investigador e o propio profesorado da universidade, que remitiu unha carta á Consellería (subscrita por docentes do tres institucións académicas) para pedir a retirada do plan. Educación, pola súa banda, censurou a utilización deste texto para "a confrontación".

Para CIG-Ensino  este “programa” é un paso cara ao desmantelamento da universidade pública. “A Xunta pisa o acelerador encargándolle á Fundación Empresa Universidade (FEUGA) e a unha consultora externa un proceso masivo de liquidación dos títulos presenciais coa finalidade de que no curso 2021-2022 a maioría deles sexan semipresenciais,  impartíndose toda a docencia teórica online”.

Para as investigadores da Universidade de Santiago, estamos "un ataque sen precedentes ao Sistema Universitario Galego (SUG)". "Un despropósito que, ademais de poñer en risco a calidade das titulacións do SUG e os principios básicos de igualdade, constitúe un insulto ao esforzo extraordinario acometido polo profesorado e o estudantado durante este curso académico", salientan nun comunicado.