SOCIAL

Investigadoras da USC acusan a Xunta de intentar "desmantelar" as universidades públicas

Manifestación a prol da Investigación na Praza do Obradoiro en febreiro de 2019 (AIC).
Consideran que o proxecto da Xunta para avanzar no ensino vía telemática en detrimento da presencial nas univeridades galegas é un paso cara ao "desmantelamento" e "un ataque sen precedentes" ao ensino superior público que tira por terra o "esforzo" de profesoras e estudantes. 

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) manifestou esta segunda feira o seu "absoluto repudio" ao borrador presentado pola Xunta para a implantación dun modelo de docencia mixta (presencial-telemática) de carácter opcional no curso 2020-2021 e obrigatorio no 2021-2022.

Consideran que esta proposta do Goberno galego constitúe "un ataque sen precedentes ao Sistema Universitario Galego (SUG)". "Un despropósito que, ademais de poñer en risco a calidade das titulacións do SUG e os principios básicos de igualdade, constitúe un insulto ao esforzo extraordinario acometido polo profesorado e o estudantado durante este curso académico", salientan nun comunicado.

"Do que foi excepción, a Xunta quere facer unha regra xeral, asumindo como normalidade o que, dende logo, dista moito de selo", manifestan, para cuestionar a necesidade deste cambio de modalidade e sinalar que o Executivo galego "obvia que un de cada tres fogares da Galiza non dispón dunha conexión a internet de banda ancha".

Reclaman que os colectivos que defenden un modelo público de universidade respondan "de maneira unitaria e contundente" ante unha reforma que cualifican de "abusiva, inxusta e irreflexiva" por parte da Xunta.

Así, exixen a "retirada do borrador de desmantelamento das universidades públicas galegas presentado pola Xunta", e instan "ás universidades galegas, e mais aos axentes políticos, sindicais e sociais", a que sumen a súa voz e manifesten o seu "rexeitamento explícito a esta iniciativa".

Alertan de que este plan supón "un novo agravio" ao sistema público de ensino universitario galego, que se suma ás iniciativas recentes de creación da primeira universidade privada no país.

Ademais, critican que sexa a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA), "fundación privada na que ademais das universidades están empresas como BBVA, Endesa, Naturgy ou Afundación de ABANCA", a coordinadora do proceso que propón o borrador da Xunta.