CIG acusa a Xunta de “aproveitar a pandemia” para “liquidar a universidade pública galega”

Mobilización contra a universidade privada (Arxina)

Afirma que encarga a FEUGA e unha consultora un programa para deseñar un curso 2021-2022 cun recorte “masivo” de títulos presenciais.
 

O “Programa de Transformación” para as universidades galegas promovido pola Xunta non convence á CIG-Ensino, que tivo acceso ao borrador deste proxecto que desde a Xunta se encargou ao Feuga (Fundación Empresa Universidade) e unha consultora externa.

Considera o sindicato maioritario no ensino público galego que este “programa” é un paso cara ao desmantelamento da universidade pública. “A Xunta pisa o acelerador encargándolle á Fundación Empresa Universidade (FEUGA) e a unha consultora externa un proceso masivo de liquidación dos títulos presenciais coa finalidade de que no curso 2021-2022 a maioría deles sexan semipresenciais,  impartíndose toda a docencia teórica online”.

CIG indica que segundo ese roteiro, xa en setembro d”pretende obrigar a que moitas titulacións fagan ensaios para ese cambio, alterando a organización dos cuadrimestres, concentrando a docencia, coartando as vías de avaliación posíbeis e suprimindo a docencia presencial teórica”.

O borrador deste “Programa de Transformación” contemplaría, así, para a central sindical, unha aposta en “desvirtuar o carácter presencial das nosas institucións, destruíndo a relación entre os docentes e os estudantes e a vida universitaria”.

Algo que, aponta, “vai da man” da posta en marcha da primeira universidade privada en Galiza. “A Xunta busca restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdan a súa esencia como espazo de produción e intercambio de coñecemento, ideas e vivencias”.

Tamén fai fincapé en que este plan estea, denuncia, “aproveitando a situación de estrés e de anestesia social derivados do actual estado de alarma”.