O conselleiro de Facenda defende que o bono deporte sexa universal mais os libros de texto non

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)
"Preténdese que fagan deporte e que teñan unha vida saudábel. É o que se tenta facer. Por iso non existe unha discriminación de renda. Non lle atopo máis explicación que esa", destacou Miguel Corgos.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, xustificou que o bono deportivo de 120 euros para axudar a familias con fillos federados de entre 6 e 16 anos sexa universal, sen discriminar por renda, á vez que asegurou para os libros de texto existe un "sistema de intercambio que beneficia todo o mundo".

A preguntas dos xornalistas na rolda de prensa de presentación dos orzamentos da Xunta para 2024 no Parlamento da Galiza, despois da súa entrega ao presidente da Cámara, o conselleiro afirmou tamén que a partida para integración social sobe, e insistiu en que a denominada tarxeta básica, que non se recupera, "tiña a súa razón de ser" na pandemia de coronavirus e o confinamento.

En concreto sobre a contía dedicada á renda de integración social da Galiza (Risga), dixo descoñecer "o dato exacto", aínda que "integración social si que sobe".

Bono deportivo vs libros de texto

Respecto a os 120 euros do bono deportivo e o feito de que non discriminen por renda, respondeu que o "obxecto da medida é fomentar o deporte para todos os nenos, independentemente do seu grao de renda".

"Preténdese que fagan deporte e que teñan unha vida saudábel. É o que se tenta facer. Por iso non existe unha discriminación de renda. Non lle atopo máis explicación que esa", destacou.

Con todo, a continuación, agregou que "o que se tenta" con este bono, como con "todas as medidas que tratan de facilitar o desafogo ás familias" é que teña "unha implementación rápida neste contexto de suba de prezos". "Ás veces tamén para priorizar o efecto global da actuación, hai que simplificar no seu deseño", razoou.

"A educación ten un sistema de intercambio de libros de texto que beneficia a todo o mundo, que eu saiba", dixo, para finalizar.