A conselleira de Educación asegura que as ratios de 15 estudantes non son posíbeis por falta de aulas

Conselleira Educación, Carmen Pomar, visita Cambados, para comprobar o protocoloco Covid nos centros de ensino
Carmen Pomar avanzou que o comité clínico da Xunta valorará a obrigatoriedade da máscara nas aulas, unha medida que o seu propio protocolo non contempla e que o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, proporá na vindeira reunión dos Gobernos territoriais coa Administración central.

A conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomer, defendeu este domingo as ratios de 25 alumnas e alumnos por aula recollidos no protocolo galego de adaptación dos centros educativos á Covid-19. A responsábel deste departamento argumentou que "aínda que quixéramos, non temos espazos suficientes para ir a ratios de 15 alumnos, é inviábel”, en relación a unha das principais reclamacións de sindicatos, colectivos docentes, asociacións de nais e pais e plataformas de familias xunto coa contratación de máis profesionais.

Sería totalmente inviábel porque non teriamos onde situar, a nivel físico, ao alumnado”, sinalou nunha entrevista á cadea SER, na que defendeu que a Xunta é “realista” e que comunica “o que realmente é posíbel”.

A responsábel de Educación xustificou que se poden xuntar até 25 alumnas e alumnos nas aulas, pese á recomendación da propia Xunta de que as reunións en xeral non sexan de máis de 10 persoas, porque “o contexto educativo é moi particular e as actividades están moi estruturadas e fechadas”.

Pomar defendeu as escolas como “lugares con moita orde” onde os pupitres están colocados “dunha maneira determinada” e a rapazada seguirá “unhas pautas”. Ademais, agregou que a ratio legal actual é a de 25 estudantes por clase. A titular de Educación reflexionou que “en ningún sitio” a cidadanía estará “libre” dun contaxio e que os centros educativos teñen a “vantaxe de seren “lugares estruturados” cunha “disciplina” que os menores “interiorizan”.

Unha argumentación similar á do Secretario Xeral de Educación, Xesús Oitavén, quen na Radio Galega asegurou que “non é comparábel a situación dunha reunión de carácter social” que a de “25 persoas separadas, ordenadas, mirando nunha mesma dirección e atentas”. Unhas verbas criticadas pola plataforma Profesorado en pé, cuxa integrante Alexandra Cabana apuntou a este medio que “semella que non sabe como é a dinámica dunha clase”.

Separación das mesas e uso da máscara

En canto á separación das mesas, tamén cuestionada polo comunidade educativa, Pomar defendeu que o protocolo galego segue as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, que “fala dun metro entre cabeza e cabeza”. Referíndose ao anuncio do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que esta semana avanzou que proporá a máscara obrigatoria para as crianzas de máis de seis anos, Pomar sostivo que o alumnado “está afeito a usala e empregala na aula non vai ser tan incómodo como nos parecía”.

A vindeira cuarta feira o comité clínico da Xunta manterá un encontro na que se abordarán medidas para o regreso aos centros escolares, no que se definirá o emprego das máscaras ou a xestión de posíbeis focos. Unha medida, a segunda, que o propio protocolo da Xunta, criticado e rexeitado pola comunidade educativa, non inclúe a día de hoxe mais sobre o que están a traballar os equipos directivos desde hai máis de tres semanas.

Inclusión da enfermeira escolar

En tanto, medra a inquedanza en parte da comunidade educativa mentres que a CIG, o sindicato con maior representación no sector, non descarta convocar unha folga de non mudar o protocolo. Ás voces do cadro de persoal e das familias sumáronse máis recentemente as de colexios profesionais e asociacións de Enfermaría, que avogan pola incorporación da figura da enfermeira escolar nas aulas e cuestionan que a Consellaría de Educación derive a responsabilidade da prevención no profesorado, sen a formación necesaria.