Colexios Profesionais piden á Xunta a implantación da enfermeira escolar e critican que responsabilice da prevención á docencia

A Consellaría de Educación propón comezar as aulas o 10 de setembro (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
Nun comunicado dirixido ás Consellarías de Sanidade e Educación consideran "pouco acertado que estas tarefas recaian no profesorado, que sen deixar de contar con grandes profesionais, carece dos coñecementos necesarios".

Os Colexios Oficiais de Enfermaría da Galiza, xunto coa Asociación nacional e Internacional de Enfermaría Escolar e mais a Asociación Científica Española de Enfermaría e Saúde Escolar solicitou este sábado, 22 de agosto, ás Consellarías de Sanidade e Educación da Xunta a implantación da figura da enfermeira escolar en todos os centros educativos do país.

“O inicio do vindeiro curso escolar na actual situación de pandemia obriga a garantir unha contorna escolar saudábel e segura, que dispoña de medidas de especial protección para os grupos máis vulnerábeis SARS-Cov-2, exixindo unha planificación profunda e rigorosa do mesmo na que prevaleza a prevención e control dos posíbeis brotes”, escribiron as entidades nun comunicado conxunto dirixido á Administración galega.

As organizacións apuntan a que o protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 dos centros de ensino elaborado pola Consellaría de Educación inclúe a obriga de formar un equipo en Covid-19, responsabilidade que recae na directiva dos centros e no persoal docente, a maiores da elaboración dun plan de adaptación con medidas de prevención ou hixiene.

Consideramos que é pouco acertado que estas tarefas recaian no profesorado, que sen deixar de contar con grandes profesionais, carece dos coñecementos necesarios”, valoran as asociacións, facendo fincapé en que se “pon nos docentes toda a responsabilidade da tarefa de prevención”.

A maiores, os colectivos inciden en que os plans dos centros non están a ser consensuados cos centros de saúde cando faltan “tres semanas” do inicio do curso. Neste escenario, avanzan que terá  que ser a Atención Primaria a que se encargue de actuar como barreira de detección dos focos, unha tarefa engadida a un servizo “cunha carga asistencial excesiva”.

Así, propoñen a inclusión da figura da enfermeira ou enfermeiro escolar, cuxas funcións van “máis alá de resolver dúbidas” xa que “formaría parte efectiva da comunidade escolar e da planificación organizativa e curricular dos centros educativos”.

As asociacións lamentan que a presencia da enfermaría escolar nos centros da Galiza se reduza a uns poucos privados, concertados e de educación especial mentres noutros territorios do Estado está a ser implantada no ensino público. “Esta falta de equidade”, argumentan, “é un agravio comparativo en relación ao coidado e aos servizos de atención sanitaria que reciben as crianzas e a rapazada galegas”.

Así mesmo, lembran que desde a profesión reiteraron en numerosas ocasións o seu ofrecemento ás administracións de participar na elaboración dos protocolos de reactivación do ensino.