A Consellaría de Sanidade derivou 417.000 doentes á privada en 5 anos

O conselleiro Julio García Comesaña, e o presidente, Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).

A Xunta achegou á sanidade privada perto de 2.500 millóns entre 2011 e 202

As derivacións de pacientes desde o sistema sanitario público é a principal vía de negocio da sanidade privada. O Goberno galego entregou aos operadores particulares do sector da saúde 2.500 millóns entre 2011 e 2021, que representan perto de 40% da súa facturación. O número de persoas transferidas desde o Sergas aos hospitais privados entre 2017 e 2021, último ano con datos, superou as 400.000.

A Consellaría de Sanidade leva sen ofrecer cifras sobre a derivación de pacientes á sanidade privada desde maio de 2022. Naquela altura, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal, sinalou que a Consellaría de Sanidade derivou entre 2017 e 2021 un total de 117.000 cirurxías e 300.000 probas diagnósticas á sanidade privada, é dicir 417.000 persoas.

Aboal asegurou entón que, en cirurxía, a área sanitaria que máis derivou foi Ferrol (28%), seguida de Ourense-Verín-O Barco (14%), A Coruña-Cee (12%), Lugo-A Mariña-Monforte (10%), Compostela (7%), Vigo (6%) e Pontevedra-O Salnés (4%). No caso, das probas diagnósticas, a área que máis derivou foi tamén a de Ferrol, (4,5%), seguida de Lugo e Ourense (3,3%), Compostela (1,9%), A Coruña (1,3%) e Pontevedra e Vigo (0,5%).

Os datos son superiores ao quinquenio transcorrido entre 2013 e 2017. Nese período, o Sergas derivou 348.415 doentes a centros privados cos que mantiña algún tipo de concerto económico. 125.904 destas derivacións correspondíanse con cirurxías e 222.511 con probas diagnósticas.

A sanidade privada é a principal beneficiada desta operativa. Segundo o Consello de Contas, o conglomerado sanitario recibiu dos orzamentos públicos entre 2011 e 2021, último ano fiscalizado, perto de 2.500 millóns de euros. O organismo de control apunta que en cada un dos exercicios do período a cifra estivo por encima de 200 millóns de euros.

Un repaso aos informes anuais de fiscalización sobre o Sergas do Consello de Contas, así como os propios orzamentos da Xunta da Galiza, indica que as transferencias de fondos públicos á sanidade privada foron en aumento. A contía que desembolsa a Administración galega neste concepto variou entre os 224,5 millóns de euros en anualidades como 2021 e 2014 e os 203 millóns de 2017.

O Goberno galego defende que estes pagamentos representan menos do 6% do orzamento total sanitario que marca o Consello de Contas —móvese entre 4,5 e 5,5%—.

Consello de Contas

As relacións entre os grupos sanitarios privados e a Xunta da Galiza levan anos no foco do Consello de Contas. No seu último informe, o organismo dirixido naquela altura por José Antonio Redondo afirmaba que "o Sergas está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación, de maneira directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados".

O órgano de fiscalización lembraba que "ao obviarse a vía estabelecida na lexislación de contratos públicos", non existe expediente de contratación e, por tanto, "carécese de pregos que regulen a contratación, de oferta ou de contrato que estabeleza e ordene os dereitos e obrigas das partes".