A confraría de Noia alerta da "fuxida" dos donos de San Finx: "Non hai ninguén solvente a quen pedirlle contas"

Centos de persoas concentráronse en San Finx o pasado 8 de xullo contra os vertidos da mina. (Foto: Europa Press).
Metais Estratéxicos S.L. é o nome da nova matriz da mina de San Finx. A empresa, de recente creación, ten a súa sede nun despacho de avogados de Madrid, onde tamén residen os administradores da australiana Pivotal Metals, e un capital de 3.600 euros.

"Agora mesmo a mineira non ten ninguén detrás, non hai ninguén solvente a quen pedirlle contas". Joám Evans, portavoz da plataforma de afectados pola mina de San Finx apunta unha situación pouco "prometedora" para os intereses da veciñanza de Noia e a súa contorna tras coñecer o cambio de titularidade da mineira.

Segundo explica Evans a Nós Diario, souberon da mudanza hai pouco máis dunha semana tras o anuncio de Pivotal Metals na Bolsa australiana. A compañía anunciou que vendera a súa filial Tungsten San Finx, "mais non a quen", unha operación, afirma o colectivo de afectados, coa que busca desfacerse das súas responsabilidades sobre a mina de Lousame. 

Desde xuño os traballos para completar as infraestruturas de vertedura non cesaron

A nova titular de San Finx é unha empresa de nova creación, "constituída hai apenas dous meses por un despacho de venda urxente de sociedades limitadas co capital social mínimo". A nova entidade, Metais Estratéxicos S.L., de  "aparencia galega" foi adquirida o pasado 21 de xullo "expresamente para materializar a fuga da australiana Pivotal Metals", que situou á fronte como administrador único o xeólogo peruano Álvaro Fernández Baca, vinculado a outras entidades mineiras australianas e canadenses.

'Home de palla'

Desde a plataforma de afectados pola mina de San Finx acusan Pivotal Metals de argallar todo un sistema para se desfacer das obrigas derivadas de calquera problema que se poida dar a partir de agora. 

"A mina non ten detrás ninguén a quen pedirlle contas", insiste Joám Evans. "Tanto cos vertidos actuais, como se o día 12 de agosto comezan cos vertidos de augas subterráneas, como se o día de mañá rebenta a presa de residuos mineiros, en estado crítico; ante calquera suceso o único que hai detrás son 3.600 euros de capital e un administrador, un 'home de palla', que nin se sabe onde está".

As obras continúan

As perspectivas non son boas, admite o voceiro do colectivo de afectados, quen admite certo temor ante o avance das obras en San Finx. Desde xuño os traballos para completar as infraestruturas de vertedura non cesaron, "supoñemos que co ánimo de comezar a verter" mil millóns de litros anuais de augas contaminadas.

Evans fala dunha situación anómala, "á que chegamos por culpa da inacción da Xunta da Galiza á hora de estabelecer garantías ambientais. Polo tanto pode ser que pase algo o día de mañá e non haxa ninguén que asuma as consecuencias". É o que vén de se confirmar en Aznalcóllar (Sevilla), salienta. "Despois de 25 anos a xustiza desestima que Boliden pague nin sequera un céntimo dos máis 90 millóns polo desastre de Aznalcóllar".

Xustiza

Desde a Confraría de Pescadores de Noia e outros colectivos da plataforma comarcal contra os vertidos xa avanzaron que ampliarán a causa penal por presuntos delitos ambientais aberta nos xulgados de Noia aos novos administradores e titulares reais da trama societaria, así como ao director facultativo da mina.