A área sanitaria da Coruña renova acordo coa privada por 76 millóns de euros

Alberte Núñez feixoo na presentación do novo Hospital Público da Coruña (Xunta).
A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI)da Coruña está a piques de resolver a renovación do Acordo Marco polo que se rexe a contratación da prestación de servizos sanitarios a pacientes usuarias do Servizo Galego de Saúde a empresas externas. Tres hospitais privados da área sanitaria aspiran a un contrato que ascende a 75.723.239,33 euros.

O procedemento non é novo. A externalización da prestación de servizos sanitarios é unha práctica recorrente por parte de Servizo Galego de Saúde "que cede cada vez máis capacidade de atención a clínicas e hospitais privados" das distintas áreas sanitarias do territorio, explica Demetrio Vázquez, membro de SOS Sanidade Pública A Coruña.

O trámite de contratación, pendente de fallo, iniciouse en primeira instancia hai dous anos, en febreiro de 2018. Un cambio no procedemento obrigou a desestimalo. En setembro de 2019 a EOXI da Coruña volveuno poñer en marcha. 

Na súa exposición de motivos, a Xerencia de Xestión Integrada da área sanitaria indica que, na actualidade, "proporciona a cobertura sanitaria a unha poboación de 547.328 persoas" de 37 concellos das comarcas de Fisterra, Terra de Soneira, Bergantiños, Betanzos e A Coruña.

"A privatización da sanidade pública forma parte dos intereses estratéxicos do Goberno da Xunta".

"A prestación da asistencia sanitaria lévase a cabo na súa maior parte con medios e recursos propios do Servizo Galego de Saúde", recolle o informe xustificativo da necesidade e da idoneidade da contratación do Acordo Marco.

Con todo, razoa a urxencia de promover unha nova licitación ante a exixencia de "garantir a prestación de asistencia sanitaria de xeito eficiente e nos prazos estabelecidos pola normativa vixente" mais "a imposibilidade de que os servizos sanitarios públicos da EOXI da Coruña poidan prestar dita asistencia cos recursos humanos, materiais e infraestrutura cos que conta na actualidade".

O obxectivo, mantén a xerencia da área sanitaria, "non é outro que conseguir que os cidadáns continúen a recibir unha asistencia sanitaria de óptima calidade e eficacia".
"O sistema non é eficiente", censuran desde a plataforma en defensa da sanidade pública, "pero o problema é que non quere ser eficaz", sentencia Demetrio Vázquez. "A privatización da sanidade pública forma parte dos intereses estratéxicos do Goberno da Xunta e do Partido Popular, que buscan converter os asuntos sanitarios en  motivo de lucro e a saúde, en obxecto de negocio para as empresas privadas", recalca.

Calidade e servizos

Vázquez defende os principios da sanidade pública, con capacidade para garantir a igualdade de acceso, a calidade asistencial e a seguridade da atención ás doentes, "mais hai que dedicarlle cartos, sobre todo cando o envellecemento da poboación, ligado á esperanza de vida, deriva en procesos crónicos e patoloxías múltiples cada vez máis frecuentes.

Como portavoz de SOS Sanidade Pública A Coruña, Demetrio Vázquez pon o foco no valor estimado do contrato que o Servizo Galego de Saúde destinará a pagar os servizos sanitarios prestados polos hospitais privados que gañen a nova licitación, perto de 76 millóns de euros nos que se inclúe o orzamento máximo da licitación, as posíbeis prórrogas e as modificacións previstas nun 20% do presuposto de licitación.

"Son cartos que prefiren entregarlle á privada antes que  investir e mellorar os servizos públicos".

"Son cartos que prefiren entregarlle á privada antes que  investir e mellorar os servizos públicos. Mais o prexuízo non só é económico, hai patoloxías que xa non pasan polos hospitais do Servizo Galego de Saúde, que van directamente aos hospitais privados. En consecuencia, advirte Demetrio Vázquez, "hai cirurxías que os médicos internos residentes (MIR) en período de formación non teñen oportunidade de ver".

A licitación actual recolle que a actividade sanitaria obxecto do acordo marco inclúe estadías, consultas, cirurxías, rehabilitación, uso de quirófanos e procedementos de diagnóstico entre outros servizos.

A 13 de xaneiro, foron admitidas a licitación as propostas tres empresas: o Instituto Policlínico Santa Teresa, o Sanatorio Cirúrxico Modelo e o Instituto Médico Cirúrxico San Rafael, os tres centros hospitalarios privados que xa viñan prestando asistencia sanitaria na área da Coruña, pendentes agora, da adxudicación definitiva.