O confinamento máis solitario: 129.000 persoas maiores viven soas na Galiza

É unha situación que viven principalmente as mulleres, que supoñen 75,9% das persoas que moran soas nas súas casas.

A COVID-19 atopa na Galiza unha poboación avellentada e se ben a dispersión poboacional pode ser unha 'defensa' fronte a un virus que gosta das masificacións para estenderse, os recortes e precarización en servizos públicos como a sanidade ou a dependencia minguan a capacidade de batalla contra o coronavirus.

Na Galiza hai, segundo dados do Instituto galego de estatística correspodnentes ao exercicio 2018, máis de 129.000 persoas maiores que viven solas.

Persoas de máis de 65 anos que deben soportar en soidade o aillamento e confinamento decretado baixo o estado de alarma, Na súa maioría son mulleres, 93.000, o que representa 75,9% do total deste colectivo. O 28% restante (36.000),son homes.

Un número, o de persoas maiores que viven soas, que non para de medrar. Son agora 8.000 persoas máis que cinco anos antes, cando eran 121.000.

No noso país 24% dos fogares, case un de cada catro, son uni-persoais. Estamos falando de por volta de 260.000 vivendas, das cales, como dixemos, máis de 129.000 están habitadas por maiores. Nas restantes os seus inquilinos teñen por baixo dos 65 anos.

Nestas maiores que viven elas soas na súa casa hai quen posúe lazos e ligazóns familiares e veciñais. Viven soas mais non están soas, hai quen mire por elas, se ben coas medidas de illamento e confinamento acrecéntasea soidade. Mais tamén hai maiores que viven soas e sós e que non teñen ese escudo,nin esas ligazóns.

Desde o inicio da crise púxose en andamento en diferentes cidades e vilas iniciativas veciñais e sociais de axuda para este e outros colectivos sensíbeis para que o confinamento non se faga tan duro.