En 15 anos a poboación galega terá un 26% menos de crianzas e un 16% máis de maiores de 80 anos

mans

As proxeccións de poboación realizadas polo IGE prognostican un país con cada vez menos xente e máis avellentada.

Galiza camiña a pasos de xigante para ser un país con cada vez menos poboación e esta máis avellentada. As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) e publicadas nestes días sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.

No 2015 tiñamos 219.310 menores de 10 anos en Galiza. Deles, 104.813 eran menores de 5 anos. Segundo as proxeccións do IGE, no 2031 teremos 139.899 persoas por baixo dos 10 anos de idade. Isto supón que dentro de 15 anos ese tramo de poboación, a de 0 a 9 anos, constará de perto de 80.000 persoas menos. O equivalente a todos os habitantes da cidade de Ferrol, por poñer un exemplo. Unha caída do 26%.

Pola contra, a pirámide engrosa polo cumio. O ano pasado había 215.785 persoas que tiñan entre os 80 e os 94 anos de idade. Dentro de quince anos serán 251.095, o que é 35.310 persoas máis, un incremento do 16% respecto da actualidade.

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45% de taxa bruta de natalidade.