Ourense e Lugo entre as 10 provincias máis avellentadas de Europa

Eurostat ratifica o preocupante proceso de envellecemento en Galiza

Cada vez menos e máis vellos. Non fai falla ser unha eminencia para saber que este escenario non depara nada bo para un país. Galiza ten moitas bazas na man para seguir a perder na partida da demografía. A Oficina estatística europea, Eurostat, ivén de incluír Lugo e Ourense entre as 10 provincias de Europa máis avellentadas, é dicir, cun maior peso de maiores de 65 anos no total de poboación.

De feito, Ourense é a terceira provincia europea nesta clasificación. Máis do 30% dos seus habitantes teñen máis de 65 anos. Unha porcentaxe que só superan Evrytania (Grecia), cun 31 por cento, e Pinhal do Sul, en Portugal, cun 33%. No noveno posto está Lugo, cun 28% de persoas que superan os 65 anos.

Proxeccións

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos. No 2015 tiñamos 219.310 menores de 10 anos en Galiza. Deles, 104.813 eran menores de 5 anos. Segundo as proxeccións do IGE, no 2031 teremos 139.899 persoas por baixo dos 10 anos de idade. Isto supón que dentro de 15 anos ese tramo de poboación, a de 0 a 9 anos, constará de perto de 80.000 persoas menos. O equivalente a todos os habitantes da cidade de Ferrol, por poñer un exemplo. Unha caída do 26%.

Pola contra, a pirámide engrosa polo cumio. En 2015 había 215.785 persoas que tiñan entre os 80 e os 94 anos de idade. Dentro de quince anos serán 251.095, o que é 35.310 persoas máis, un incremento do 16% respecto da actualidade.

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45% de taxa bruta de natalidade.