Coñeces todas as restricións da Xunta que están vixentes desde este sábado?

Medidor de CO2 nun restaurante da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O anuncio da Consellaría de Sanidade e o comité clínico sobre o cambio nas restricións de onte ten puntos que pasan desapercibidos e que poden levar a calquera a un final con sanción sen querer. Por iso, advertimos dalgunhas chaves como a de que os bares só poderán abrir até a 1 da madrugada para dar ceas, non para tomar unhas cervexas ou unhas copas.

A Consellaría de Sanidade deu onte, após a reunión semanal co comité clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia, apuntamentos sobre os concellos con restricións -Lobios é o único baixo fechamento perimetral- e a apertura de toda a hostalaría que sirva ceas até a unha da madrugada. Mais a publicación do acordo no Diario Oficial da Galiza (DOG) deixa á luz a letra pequena que deberás ter en conta (entran en vigor na medianoite deste sábado) se non queres enfrontarte a unha sanción inesperada.

Horario de bares e mesóns

A Xunta anunciou que poderán ter actividade até a 1 da madrugada pero non poderás estar nun destes estabelecementos tomando unhas copas sen máis. A Administración galega estipula que poderán ampliar o horario "exclusivamente" para dar ceas á clientela.

Requisitos para poder atender clientes

Ao igual que os restaurantes, neste momento da pandemia, poderán fornecer o servizo de ceas con reserva ou cita previa e instalando un sistema de medición de CO2 que sexa visíbel para todas. "Non se deberá superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2.

Aliás, as e os empresarios deberán ter un rexistro de comensais a conservar durante un mes. Será máis traballo se es responsábel ou traballador dun local e, no caso de que sexan consumidora, debes fornecer os teus datos. O único que se elimina é a necesidade de presentar o DNI.

Capacidade dos locais

Quer os restaurantes, quer o resto de negocios que poidan abrir terán as condicións de capacidade marcadas segundo o nivel de alerta no que se atope o municipio en cuestión. mentres que hai localidades que contan

Nivel máximo

Malia o avance na desescalada, Lobios terá todo fechado.

Nivel alto

Só se atende no exterior. Están nesta situación Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros.

Nivel medio-alto

O espazo en uso é do 50% no mobiliario que está na rúa e do 30% nas mesas que haxa dentro. Estas medidas afectan a Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueuf, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo.

Nivel baixo ou medio-baixo

As hostaleiras teñen permiso para empregar o 75% das terrazas e o 50% do interior. Abrangue todos aqueles concellos non nomeados con anterioridade.

Límites nas reunións

Con independencia das que rexen na hostalaría (catro ou seis persoas que non vivan xuntas), a Xunta prorrogou a decisión de que nos espazos exteriores só poderán xuntarse seis persoas, sexa nun parque, no campo ou na praia.

Nas casas ou no interior de distintos espazos o máximo está en catro persoas.

Ademais, os encontros sociais fican prohibidos entre a 1 e as 6 da madrugada en calquera dos dous contextos.

Toque de recoller

Nos próximos días só terá validez no concello de Lobios, onde hai que permanecer sen saír á rúa entre as 23 e as 6 horas.

Fechamento perimetral

Ao igual que o toque de recoller, nesta semana só está vixente en Lobios, pois a última reunión de traballo co comité clínico supuxo a saída do nivel máximo de prohibicións doutros tres municipios.