A fin do estado de alarma dispara a afluencia aos restaurantes da Galiza

Un estudo feito polo Observatorio de Abanca, dependente de Ieside, incide en que a actividade comercial despuntou entre mediados de abril e mediados deste mes. No entanto, o que máis aumentou foi o gasto neste tipo de locais de hostalaría, que segundo as expertas chegou ao 15%.
Usuarias na terraza dun local de hostalaría no Grove. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Usuarias na terraza dun local de hostalaría no Grove. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O feito de que decaera o estado de alarma, coa consecuente redución das limitacións na Galiza en cuestións como o toque de recoller, implicou unha mellora nos ingresos da hostalaría e do comercio, segundo revela un estudo realizado polo Observatorio de Abanca.

As e os expertos dependentes de Ieside concluíron que desde a fin da norma española o gasto nos restaurantes do país creceu nun 15%. Esta diferencia comezou a notarse desde o 9 de maio, se ben nas máquinas TPV para abonar a conta con tarxeta a suba foi do 7%.

Así mesmo, afirman que a actividade comercial ascendeu un 7% entre mediados do mes de abril e mediados deste mes de maio en comparación co mesmo período de 2019, xa que o ano pasado foi o confinamento estrito.

Engaden que, o nivel de actividade alcanzado é o máis alto para unha segunda semana de mes desde o verán de 2020, analizando o nivel de pagos efectuados con tarxeta de crédito ou débito polos clientes da entidade financieira.

Polo tanto, o sector do lecer foi o máis beneficiado do cambio de medidas na Galiza. "O sector de moda e complementos, un dos máis afectados pola crise, mantense en niveis de abril, cunha caída do 8% en relación a 2019, tras rexistrar unha importante recuperación despois dunha caída de actividade do 31% rexistrada en febreiro", engade o estudo.

No caso da alimentación e o invertimento nas farmacias, o Observatorio destaca que segue por enriba de antes desta crise sanitaria. Agora chega ao 36% con respecto ao 32% de partida de 2019.

A desescalada tamén implicou unha mellora da actividade do comercio de proximidade, aínda que se observan diferenzas entre os tipos de estabelecementos. A actividade en liña dispárase un 7% en relación a 2019 e o seu peso na cesta da compra sitúase en niveis similares aos anteriores á crise, un 32%. Os establecementos de telefonía, talleres, aparcadoiros e similares tamén presentan unha actividade superior á anterior á pandemia.

Comentarios