Unidade didáctica sobre Domingo Fontán

Coñecer o home que mediu Galiza

Cuberta da 'Carta xeométrica de Galiza' de Domingo Fontán. Imaxe: cedida.

Liberal, ilustrado, modernizador, docente estrito, militante contra o absolutismo, científico. Autor dun mapa pioneiro, por rigoroso, de Galiza. Domingo Fontán Rodríguez (Portas, 1788 – Cuntis, 1866) foi ademais figura destacada do ensino e a educación do seu tempo. O Consello da Cultura Galega vén de publicar unha unidade didactica para espallar o coñecemento da súa vida e obra.
 

“O levantamento dun mapa de Galiza mediante medicións xeodésicas e traballo de campo foi un labor sen precedentes”, sinalan na Presentación os coordinadores da obra, Xosé Fraga Vázquez e Elena Vázquez Cendón, antes de resumir os pasos que seguiu Fontán para chegar á súa Carta xeométrica de Galiza, impresa en 1845.

 

En 1820, o científico mediu unha base de 2.291 metros na Estrada de Compostela á Coruña. Aí iniciou a triangulación. Oito anos despois, na estrada de Lugo a Castela tomou a segunda medición, 4.989 metros. En 1834, “presentou o manuscrito ante a Raíña Gobernadora, María Cristina de Borbón”. Mais tardou en atopar un mestre gravador, o que adiou 11 anos a impresión.

 

“Galiza adiantouse ao resto do Estado español no coñecemento do seu territorio”, afirman Fraga e Vázquez, “o mapa de Fontán sería base cartográfica de proxectos de ferrocarril e estradas e fonte para a elaboración doutros mapas. É un fito na historia da cartografía peninsular e un símbolo para Galiza”.

 

Mais o seu labor non aconteceu no baleiro. Domingo Fontán foi un crítico do ensino existente na súa época ao tempo que partidario “do coñecemento e a ciencia como instrumentos de cambio social”. O seu mestre, Xosé Rodríguez González (1770-1824), o Matemático do Bermés. “Con Rodríguez e Fontán agrupáronse unha serie de científicos que tiñan en común a súa posición liberal, cando o liberalismo era unha opción de cambio político e social, e o desexo de modernización das institucións educativas superiores”, esténdese o documento.

 

A unidade didáctica, ademais das proverbiais actividades e problemas dirixidos ao alumnado, relata o contexto social e político en que medrou Fontán, debrúzase sobre “a valiosa xeración de científicos” da que fixo parte e recupera a historia miúda da elaboración do mapa. Ademais dos coordinadores, participaron na mesma Margarita Barral, Gonzalo Méndez, Víctor Pollán e Julio Rodríguez.