Domingo Fontán, homenaxeado no Día da Ciencia en Galiza

 

Está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, xunto a Brañas, Rosalía de Castro, Castelao, Asorey ou Ramón Cabanillas. Mais Domingo Fontán continúa a ser desoñecido a nivel popular.  A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anunciou que Domingo Fontán  será o científico homenaxeado no Día da Ciencia en Galiza en 2018. A celebración coincide co 230 aniversario do nacemento do matemático e humanista galego, autor do primeiro mapa científico de Galiza.

 

Nun comunicado, a RAGC, explicou que o método científico que usou Fontán para "plasmar os resultados da súa investigación", iniciada en 1816, foi a "triangulación  xeodésica", que xa se utilizou noutros reinos europeos con anterioridade, como no caso de Francia.  Así mesmo, apuntou que o matemático, após percorrer Galiza durante 17 anos para realizar as súas medicións, terminou a 'carta xeométrica' en 1834, no reinado de María Cristina de Borbón, quen a mandou imprimir, tarefa que non se concretaría ata 1845. 

 

A impresión dos "titánicos traballos de medición" de  Fontán, destaca a entidade académica, realizouse en París a unha escala 1:100.000, cun nivel de detalle que mostraba as 4.000 igrexas parroquiais repartidas por todo o país, só "superado pola cartografía vía satélite", engade, varias décadas despois. 

 

A Academia lembrou que o mapa foi evocado nas obras de Cunqueiro, Otero  Pedrayo e Castelao.