Unha obra sobre Domingo Fontán de Calveiro gaña o Premio Repsol

Marcos Calveiro

O vilagarcián Marcos Calveiro vén de gañar a IX edición do Premo Narrativa Breve Repsol en lingua galega grazas a unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista ao ilustrado galego Domingo Fontán.

Trátase dunha novela biográfica de fondo histórico que se basea na vida de Domingo Fontán (1788-1866), autor do primeiro mapa  topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado destacou da obra que “relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos”.

En "Fontán" xúntase a peripecia vital dun liberal galego que loitou polo espallamento das ideas da Ilustración no noso país co relato dun tempo convulso —a primeira metade do século XIX— no que a ciencia comeza a abrirse camiño fronte á sociedade do Antigo Réxime.

Novela histórica e, ao tempo, novela de formación, Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato da personalidade extraordinaria dun científico que participou na loita polo progreso. O autor consegue transmitir a quen le a paixón polo coñecemento e pola liberdade que move o seu protagonista, quen compartía con outros científicos europeos as ideas máis adiantadas do seu tempo.

O xurado estivo formado por Santiago Lopo, gañador da edición anterior, Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega, Mercedes Queixas, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel San Juan, en representación de Repsol como secretaria con voz e sen voto, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) ten colleitado numerosos premios, tanto en literatura xuvenil como de adultos: o White Ravens, o Merlín, o Barco de Vapor, o Premio da Crítica de Narrativa Galega... 
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra gañadora é publicada por Editorial Galaxia e está dotada con 12.000 euros.