Condenan un docente da Escola Pablo Picasso da Coruña por abusos sexuais a oito alumnas

Xulgados da Coruña. (Foto: Europa Press)
Os feitos ocorreron entre 2019 e 2021.

O Xulgado do Penal número 4 da Coruña condenou un profesor da Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña por abuso sexual a oito alumnas.

Os feitos tiveron lugar nos cursos académicos 2019-2020 e 2020-2021, durante varias clases e titorías coas agredidas.

O tribunal condenouno por dous delitos de abusos sexuais e seis delitos continuados de abusos sexuais. Porén, absolveuno doutro dos delitos por abusos a unha das estudantes.

A sentenza afirma que o acusado, "de forma voluntaria e consciente", realizou "tocamentos" ás súas alumnas, "sen emprego de violencia e intimidación", con "significado sexual" e "sen o seu consentimento".

"Clara posición de debilidade"

Tamén sinala que as vítimas atopábanse nunha "clara posición de debilidade" con respecto ao seu profesor, que supuxo a "limitación da súa capacidade para resistirse".

Destaca sobre as vítimas, e en relación ao momento en que se produciron os feitos, que sentiron "moita incomodidade, inseguridade, desconcentración, tensión e impotencia". 

O acusado foi condenado a penas de multa no canto de prisión, ao entender que "carece de antecedentes penais" e "os feitos, aínda que reprobábeis, non tiveron unha especial gravidade". Así mesmo, deberá pagar indemnizacións ás vítimas por "dano moral".

Na súa declaración, o home negou acariciar as alumnas ou realizar outro tipo de tocamento, mais si admitiu nalgún caso tocarlles as costas. Isto atribuíuno a un "xesto habitual" seu.