O príncipe Andrés esquiva o xuízo por abusos cun acordo

Comprometeuse a unha "doazón substancial" á ONG da demandante.
EuropaPress_3933128_filed_03_june_2014_lower_saxony_goettingen_prince_andrew_during_visit_to
photo_camera Andrés nunha visita en setembro universidade alemá de Gotinga (Foto: Swen Pförtner / dpa)

O príncipe Andrés do Reino Unido subscribiu un acordo extraxudicial coa muller que o acusou nos Estados Unidos de abusar dela cando aínda era menor de idade, segundo consta en documentos xudiciais coñecidos onte.

A demandante, Virginia Giuffre, identificaba o terceiro dos fillos de Isabel II como un dos homes que se aproveitou dela tras a intermediación do magnate Jeffrey Epstein, que se quitou a vida en prisión despois de ser detido en 2019.

O príncipe Andrés sempre defendeu a súa inocencia e tratou en balde de tumbar a denuncia civil presentada por Giuffre. O principal argumento da defensa viraba arredor dun pacto extraxudicial subscrito pola demandante e por Einstein en 2009 e segundo o cal a vítima acordaría non emprender ningunha acción legal contra outras persoas.

A mediados de xaneiro, con todo, un xuíz de Nova York rexeitou o arquivo por consideralo prematuro ─esperaba examinar os detalles exactos do acordo en futuros procedementos─ e mantivo aberto o caso.

Nunha carta dirixida ao xuíz Lewis Kaplan, os avogados de Giuffre comunican agora que o príncipe Andrés fará unha "doazón substancial" á organización de Giuffre en favor das vítimas de abusos. O texto, recollido pola cadea CNN, non desvela a cantidade.

"Valentía" de Giuffre 

O fillo de Isabel II alega que nunca quixo difamar a demandante e asume que a muller sufriu por partida dobre, como "vítima de abusos" e "como resultado dos inxustos ataques públicos". No texto, o príncipe "lamenta" a súa vinculación con Epstein, sinalándoo abertamente como responsábel da trata de "incontábeis" mulleres.

Aplaude a "valentía" de Giuffre e doutras "supervivintes" que deron a cara nestes últimos anos e comprométese a continuar loitando no futuro contra a trata de persoas con fins sexuais.

O príncipe Andrés renunciou en novembro de 2019 ás súas funcións públicas como membro da familia real británica, despois dunha polémica entrevista na BBC onde tentou marcar distancias coa trama de Epstein. En xaneiro, logo de  saber que a denuncia seguía en pé, a raíña Isabel II desposuíuno de todos os seus títulos militares. 

Comentarios