Condenan o Concello de Ourense por acoso laboral á xefa de Policía

O alcalde de Ourense, Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).
O Concello de Ourense é condenado por infrinxir a normativa de prevención de riscos laborais e cometer acoso laboral contra a xefa da Policía Local da cidade. 

O Xulgado do Social número 1 de Ourense fixo pública onte unha sentenza que conclúe que o Concello da cidade infrinxiu a normativa en materia de prevención de riscos laborais, en concreto o disposto no artigo 14.1 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, e cometeu acoso laboral contra a intendente xefe da Policía Local de Ourense. En consecuencia, condena á Administración local, así como ao ex edil de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, a indemnizar a afectada con trinta mil euros.

Na sentenza, o titular do Xulgado expón que a demandante "foi obxecto dunha conduta de acoso por parte do demandado" e "mesmo apoiada polo señor alcalde con algúns actos" nos que "en lugar de protexer a saúde da traballadora cando presentou denuncia por acoso, realizou manifestacións publicamente que afectan á dignidade da traballadora".

O Concello de Ourense adiantou que presentará recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Desde o órgano municipal entenden que a sentenza "se centra no proceder de Telmo Ucha, non do Concello", polo que din "discrepar".

Pola súa parte, o BNG municipal adiantou que hoxe presentará unha moción relativa á "reprobación do alcalde" e insta o rexedor a pedir desculpas.