Condenados a dous e catro anos de cárcere os sindicalistas Miguel Nicolás e Telmo Varela

Miguel Nicolás non tería que entrar no cárcere ao carecer de antecedentes, malia que en prisión preventiva cumpriu xa un ano e cinco meses. Telmo Varela podería quedar en liberdade namentres se resolve o recurso de apelación que presentará a defensa, pois o 10 de marzo fai dous anos en prisión preventiva, a metade da condena que lle foi imposta


Catro anos de prisión para Telmo Varela e dous para Miguel Nicolás. É a sentenza que vén de ditar a maxistrada do xulgado do Penal nº1 de Vigo contra os dous sindicalistas enxuizados por un delito de danos e outro de depósito de explosivos ao relacionalos co guindamento dun cóctel molotov contra unha oficina do INEM no barrio vigués de Coia, feitos acontecidos en decembro de 2010 cando ambos os dous militaban na CUT.

Os avogados da defensa estudan presentar un recurso de apelación ao non concordar cos argumentos da resolución, se ben as penas impostas prodúcenlles "unha satisfacción relativa", ao seren as penas mínimas a impoñer, fronte aos cinco e dez anos que a fiscalía solicitaba, respectivamente, para Nicolás e Varela.

Así as cousas, e malia a que, tal e como advirten desde a defensa "é o xuíz quen decide", Miguel Nicolás non tería que volver entrar na cadea ao ser de dous anos a pena a cumprir e carecer de antecedentes. De ingresar no cárcere, cómpre lembrar que ficou en prisión preventiva e suxeito á dispersión un ano e cinco meses, desde a súa detención o 15 de decembro de 2010 até a súa posta en liberdade o 2 de maio de 2012, após pagar unha fianza de 3.000 euros.

Coa sentenza na man e ollando a pena que a xuíza decretou para el, Borxa Colmenero, avogado de Nicolás, ten claro que "non tiña que ter entrado" e informa de que o Estado español non contempla mecanismo ningún de indemnización para supostos de pres@s que cumpren prisión preventiva e a súa condena é inferior ao tempo que pasaron na cadea. "Unicamente se indemniza cando a sentenza é absolutoria e non había indicio ningún; na práctica, non se indemniza a ninguén", explica o letrado.

Agravante por unha condena satisfeita nos '90, por pertenza aos Grapo

Miguel Nicolás foi condenado por un delito de danos e ficou absolto dos cargos por depósito de explosivos. Na beira contraria atópase Telmo Varela, absolto dos danos causados na oficina do INEM e condenado por depósito ao considerar probado que a pegada atopada no recipiente que contiña a substancia incendiaria era súa. A Varela prendérono o 10 de marzo de 2011 e leva desde aquela encarcerado, tamén en prisión preventiva e suxeito á lei antiterrorista. Fica clasificado en réxime FIES 3, aplicado a pres@s vinculadas con banda armada, e foille denegada a petición de liberdade alegando risco de fuga e de destrución das probas, colocando riba da mesa unha condena anterior que cumpriu integramente, por pertenza aos Grapo.

Xustamente esa condena, de 1992, foi usada como agravante para elevar a petición de pena por parte da fiscalía. Sería este un dos argumentos do recurso de apelación que estuda presentar o seu avogado, Manuel Chao, tomando en conta que as sentenzas prescriben aos cinco anos. De se presentar ese recurso, ao levar Telmo Varela cumprida a metade da condena imposta (o 10 de marzo de 2013 fanse os dous anos) tería que ficar libre até que se resolva a apelación. De non resolver a favor do preso, Varela tería que cumprir os dous anos que quedan até completar os catro da condena.

Tamén reclamarán por non se ter gardado a cadea de custodia na fita de video en que aparecerían imaxes de Varela nun zulo no monte e recalcan que non existía "carga probatoria suficiente" para a condena. Porén, na sentenza xustifícanse as contradicións entre os policías que declararon "pola presión á que estaban suxeitos durante o xuízo".