''Non matamos ninguén nin fixemos cousa algunha que xustifique 15 anos de cárcere''

[Imaxe: GalizaContrainfo]
Obreiro do naval desde moi novo, Miguel Nicolás sentará os días 5 e 6 de febreiro no banco d@s acusad@s canda Telmo Varela. Nicolás, en liberdade provisoria, e Varela, aínda en prisión preventiva, enfróntanse a unha petición de cinco e dez anos de cadea por lanzar un cóctel molotov contra unha sede do Inem no barrio vigués de Coia en decembro de 2010


Pregunta:
Como lembra o día en que o prenderon?

Resposta: Con certa sorpresa. Pasara moi mala noite e saía para o médico. Esperábame a policía diante da casa, acusándome do acontecido na madrugada do día anterior: un ataque cun cóctel molotov a unha oficina de emprego no barrio de Coia.

Estiven tres días nos calabozos convivindo con ameazas, chantaxes e todo tipo de amedrentamento, e desde alí transladáronme a A Lama.

"Se non fose un xuízo político poderiamos desartellar as probas prefabricadas que teñen contra nós"

P: Estivo preso un ano e cinco meses, quedou libre após pagar 3 mil euros de fianza e agora enfróntase a unha petición de pena de cinco anos de cárcere. Parécelle proporcionado en relación aos feitos que se lle imputan?

R: Está claro que tanto a petición da fiscalía como a prisión preventiva en que aínda se atopa Telmo [Varela, ex membro do Grapo e que foi detido o 10 de marzo de 2011] son absolutamente desproporcionadas.

Con independencia da veracidade dos feitos, é un xuízo marcadamente político. Aplicáronnos a lei antiterrorista e tiñan todas as nosas cartas, correos-e e as comunicacións intervidas, levándonos a até 900 quilómetros da Galiza... parece de mentira, despois de todos os delitos de verdade que lemos cada día na imprensa, de roubos contra o erario público que afectan o conxunto da sociedade e perpetrados por unha casta política corrupta.

Que vendo isto se nos pidan a nós 15 anos de cadea [entre os dous] baixo a acusación de tirar un cóctel molotov contra unha oficina de emprego que ás poucas horas estaba funcionando con normalidade... é unha barbaridade! Non se nos acusa de matarmos ninguén, nin de colocar unha bomba, para que se nos tratara e continúen a tratar a Telmo como un terrorista.

"Aplicáronnos a lexislación antiterrorista como estratexia de criminalización da clase obreira"

P: O seu xuízo non van levalo na Audiencia Nacional española, mais as medidas que se lles foron impoñendo son propias da lexislación antiterrorista.

R: Efectivamente, e responde a unha estratexia de criminalización da clase obreira galega nestes tempos de conflitividade, e naquela época tamén, que estabamos en plena reconversión naval, cos conseguintes recortes de dereitos e unha taxa de paro que alcanzaba a 250 mil obreiras e obreiros da Galiza.

Ameazaban con nos quitar os 420 euros de axuda dos que dependían moitos e máis agresións aos nosos dereitos laborais que había e que continúan hoxe. Por medo á radicalización da clase traballadora o que fixeron foi empezar a aplicar medidas exemplarizantes e a falar de encarceramentos, de leis antiterroristas.

Todo isto entra dentro desa teima do Estado español de amedrentar a clase obreira e intentar desmobilizala para continuar coa folla de ruta que pretenden para arrebatarnos todos os dereitos conquistados hai décadas e dilapidar sectores produtivos como o naval sen que se mova ninguén porque temos medo.

P: Cal é a situación actual de Telmo Varela?

R: Pois chegou á Lama esta cuarta feira aínda, a uns días do xuízo e depois dunha cunda [a viaxe de translado dunha prisión a outra] que te deixa rebentadísimo. Tiñan que o traer un mes antes para lle facilitar a comunicación co seu avogado. Se a miña liberdade provisoria custou catro tentativas, con escusas como o risco de fuga, a proximidade con Portugal ou que a crise non rematara, Telmo pasou polo mesmo.

Até lle dixeron que lla denegaban porque non ten arraigamento familiar nin laboral, cando todos os meses van visitalo a súa compañeira, o seu fillo de 11 anos, os seus amigos e na empresa ten un contrato de traballo que agarda por el para cando saia. Mais segue preso, e dispersado, xa pasou por tres cadeas e pídenlle dez anos de cárcere.

''Os funcionarios son verdadeiros maltratadores, aínda que comigo non pasaron das ameazas'' 

P: E vostede, por cantas cadeas pasou? Cal foi o tratamento que recibiu e como foi o proceso xudicial até o de agora?

R: Eu pasei por outras tres cadeas. Estiven os dous primeiros meses na Lama, onde se vulneraron completamente todos os meus dereitos, impedíndome as comunicacións co exterior e isolándome para manterme ignorante a respecto da solidariedade que fóra estaba a agromar. Após denunciar a prisión unha e outra vez, mandáronme dispersado para Asturies.

Alí levei un réxime de vida normal até que quixen ter unha cela para min propio xa que me estaban a aplicar o réxime FIES. Acabei no isolamento recibindo ameazas continuadas por parte do funcionariado, dicíndome que me ían levar a Cádiz, a un módulo onde non me ían quedar nin as zapatillas, ao ver que non me dobregaba a partillar cela, mandáronme castigado para Zaragoza.

O trato cos funcionarios foi aínda máis agresivo. Fun testemuña de malleiras a outros presos, intentaron pegarme dúas veces e non o fixeron porque denunciei co meu avogado e enteráronse porque me tiñan as comunicacións intervidas... e así até a miña posta en liberdade. O trato foi moi malo e os funcionarios son verdadeiros maltratadores, aínda que comigo non pasaran das ameazas.

P: Recuperou o seu traballo cando voltou a Vigo? Cal é a súa situación actual?

R: Son electricista e traballei nos asteleiros de Barreras e Freire. Após quedarmos no paro, tratabamos de dinamizar con Telmo e outros compañeiros unha asembleia de desempregados en Vigo. Cando me meteron preso levaba tres semanas traballando como técnico de adsl e ao saír tocou buscar emprego. Fixen un curso de enerxía solar térmica que durou seis meses e acabou hai pouco. Agora estou centrado en preparar o xuízo. Ao me pediren cinco anos podería ter que entrar outra vez.

"A represión está a se cebar con quen se move nun contexto de protesto e combatividade" 

P: Como atopou a situación do naval após ese tempo preso? Viu un aumento na persecución da loita obreira?

R: Da CUT téñenme chegado novas da represión sindical en forma de sancións económicas sangrantes. Están tamén os compañeiros da CIG aos que lles pedían seis anos de prisión. A compañeira Laura Bugalho, xulgada por protexer inmigrantes sen papeis. Están dispostos a criminalizar todo o que se atreva a protestar, o que non entre dentro dos parámetros do sindicalismo oficial, comprado con suculentas subvencións.

Non só a loita obreira, senón tamén a cazaria emprendida contra o independentismo, con todas as montaxes policias e as denuncias de torturas nas últimas detencións que dubido sexan investigadas. A represión está a se cebar con quen se move nun contexto de protesto e combatividade.

O naval? Levo todo este tempo enviando currículos e non recibín resposta ningunha. Malia as promesas do señor Feijóo [ironiza], o sector está de capa caída.

P: Como afronta o xuízo?

R: Tanto Telmo coma min imos afrontalo da maneira máis técnica, profesional, rigurosa e obxectiva. Porén, somos conscientes de que imos topar cunha arbitrariedade por parte do sistema onde a fiscalía é a mesma que colaborou co ministerio de Interior para nos meter presos daquela. Se todo fose de maneira técnica poderiamos desartellar a montaxe policial e as probas prefabricadas que teñen contra nós. O sumario semella un filme de ficción.

P: Confían en que sexa así?

R: Sinceramente? Non. Visto o visto, vivido todo o que vivimos e ouvidos os argumentos para nos manter na prisión... o xuízo é político e pregúntome como van xustificar as irregularidades cometidas desde o momento en que se nos aplicou unha lexislación antiterrorista. Como non van querer xustificalo, e tamén para amedrentar a clase obreira máis consciente, intentarán condenarnos. Como sexa.