Xustiza

O Sergas deberá indemnizar a nai dun doente de esquizofrenia falecido após denegárselle o ingreso en Psiquiatría

Hospital Lucus Augusti de Lugo. (Foto: Sergas)
O Alto Tribunal da Galiza ratifica a sentenza condenatoria que obriga a Administración a pagar 40.000 euros a modo de compensación.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) notificou na mañá desta terza feira a ratificación dunha sentenza que condena o Sergas a indemnizar con 40.000 euros a nai dun paciente que sufría esquizofrenia paranoide e que faleceu o 11 de novembro de 2013, con 33 anos, após ser dado de alta no Hospital de Día de Psiquiatría e máis no servizo de Psiquiatría do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Segundo recolle o veredicto, a doutora que o atendeu no Hospital de Día "sempre viña pondo en dúbida" as súas patoloxías, a pesar de que o doente presentaba en novembro daquel ano "un estado de grande alteración", debido a que o día 7 dese mes fora sometido a un xuízo penal por agredir un profesional médico.

"O empeoramento que se estaba producindo, e do que o paciente era consciente, foi posto por el, como anteriormente xa fixera en diversas ocasións, en coñecemento da doutora, quen entendeu que todo era finxido para obter un beneficio ante a xurisdición penal —algo ilóxico cando xa recaera sentenza firme sobre o doente pola agresión—", precisan os maxistrados.

O home demandou o internamento, unha petición desatendida pola doutora, que lle deu a alta. "Non satisfeita con tan anómala actitude, contactou telefonicamente co servizo de Urxencias de Psiquiatría do HULA advertindo outra doutora da situación do paciente e recomendándolle que, se acudía por alí, non procedese ao seu internamento", engade a sentenza.

Durante eses días, a súa situación psíquica "empeorou de forma notábel, o que foi apreciado tanto polo dono como polo encargado do hostal no que residía". De feito, subliñan os xuíces, o persoal do estabelecemento alertou á Policía o 10 de novembro, un día antes da morte, "porque escapara nun estado psicolóxico de elevado risco".

Os axentes localizárono de madrugada, "cando vagaba polas rúas de Lugo", e foi derivado ás Urxencias do HULA. Alí atendeuno unha facultativa de psiquiatría que, "facendo caso da advertencia e recomendación da súa colega do Hospital de Día, fixo caso omiso, tanto do previo diagnóstico da doutora, que derivara o doente ao seu servizo, como do seu historial médico e dos claros síntomas do seu estado". Ficou unhas horas en observación e recibiu a alta pola mañá.

Ao día seguinte, 11 de novembro, o paciente "provocou un novo altercado fronte ao edificio da Xunta en Lugo, pois trataba de lanzarse aos vehículos que circulaban polo lugar, logo de agredir un viandante". A Policía "reduciuno" e posteriormente foi trasladado ao hospital polo 112, onde ingresou "en parada cardiorrespiratoria, como consecuencia da cal faleceu".

"Manter, como fai a Administración, que non se probou a necesidade do internamento do doente no presente caso, constitúe unha afronta á intelixencia dun cidadán medio por profano que sexa na materia", precisan os xuíces. Contra este veredicto cabe presentar recurso.