Concepción González Bello, investigadora: "A resistencia das bacterias é moi alarmante nos hospitais"

Concepción González Bello, catedrática de Química Orgánica do CiQUS. (Foto: Nós Diario).
Concepción González Bello, catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC é a encargada de inaugurar hoxe o 'Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos' da Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra cun relatorio sobre resistencia aos antibióticos titulado 'Avances en novas terapias'.

—Que son as superbacterias?
Son unhas bacterias moi daniñas que se volveron resistentes a moitos antibióticos á vez, o que fai que estas ferramentas terapéuticas fundamentais, agora dispoñíbeis, deixen de ser eficaces contra elas. Isto é resultado dun uso incorrecto dos antibióticos durante moito tempo. As superbacterias son microorganismos que evolucionan moi rápido e cambian para burlar a acción dos antibióticos, o que supón un gran handicap, sobre todo, en persoas cun sistema inmune debilitado, persoas maiores, crianzas ou con outras patoloxías, que ven como os antibióticos non lles funcionan e a infección que padecen avanza moi á présa. 

As superbacterias expandíronse por todo o mundo e cada vez son máis resistentes. Crearon un mecanismo de defensa contra os antibióticos cada vez máis sofisticado, que logra destruílos antes de poidan chegar á infección e combatela. 

—A Organizacións Mundial da Saúde alerta dunhas consecuencias moi graves para a saúde das persoas.
A situación é moi alarmante, sobre todo no ámbito hospitalario. A día de hoxe, os fármacos que temos para contrarrestar unha infección non son eficaces. Hai casos nos que mesmo non temos que darlle aos pacientes. Neste sentido, un estudo recente da OMS  advirte que se non logramos novas terapias en 2050 quizais teñamos máis mortes por infeccións bacterianas que as que causa o cancro.

Porque os antibióticos non só se utilizan para tratar unha infección primaria, senón que é unha ferramenta terapéutica habitual, con outros moitos usos e con capacidade para incidir sobre moitas partes do organismo.

—Xa existen solucións alternativas para combater as superbacterias? En que outras terapias están a traballar?
O que interesa máis é tratar de buscar antibióticos precisos, capaces de incidir sobre as bacterias malas sen afectar as boas, que tamén as hai e que precisamos conservar. O que se busca é incidir sobre o patóxeno, reducindo o estrés xeneralizado que ocasiona o antibiótico nas bacterias e que as volve cada vez máis resistentes.

Outra terapia na que se está a traballar, malia que aínda non hai un fármaco no mercado, consiste en debilitar as bacterias no canto de matalas. O que se pretende aquí é que non sexan capaces de causar a infección e coa axuda do sistema inmune, eliminalas. E isto conséguese impedindo que 'falen entre elas'.

—Como persoas usuarias de antibióticos e outros fármacos, podemos contribuír a estas novas estratexias?
Temos que mirar con respecto o uso dos antibióticos e atender sempre o que nos di o persoal médico, respectando as pautas, os tempos e as doses. Se os usamos como se fosen caramelos propiciamos que as bacterias se volvan aínda máis resistentes e elas van máis á présa do que ás veces avanza a investigación.