Opinión

Superbacterias

Aínda non ben saímos da pandemia do coronavirus e xa estamos preocupándonos por novas ameazas para a nosa saúde. Ademais da hepatite de orixe descoñecida que afecta a crianzas, da que falarei máis adiante, a crise sanitaria acelerou un problema que xa existía pero que se agravou aínda máis: o das resistencias bacterianas.

As bacterias, ao contrario que os virus, son seres vivos de pleno dereito, organismos completos que sobreviven en todos os ambientes, cunha capacidade de adaptación sen precedentes. As bacterias son imprescindibles para a nosa vida, pero tamén responsables de múltiples enfermidades. Antes da aparición dos antibióticos, eran as principais causantes de morbimortalidade, pero esta situación cambiou ao descubrirse estes fármacos. Porén, a capacidade de adaptación destes microorganismos fai que cada vez sexa máis difícil eliminalas coas moléculas que temos dispoñibles. O uso excesivo e inaxeitado destes medicamentos fai que as cepas que non son eliminadas teñan máis posibilidades de volverse resistentes a eles. A selección natural funciona a enorme velocidade nestes seres, cun índice de replicación elevadísimo.

Se non somos quen de reverter esta situación, pode acontecer que enfermidades que agora non son un perigo volvan ocasionar problemas graves e incluso mortes. Xa estamos vendo o risco que supoñen estas superbacterias nos hospitais, onde están máis expostas aos antibióticos e aparecen máis resistencias. É cada vez máis frecuente que aparezan microorganismos que só poidan ser derrotados con fármacos cada vez máis potentes, os que reservamos para a situacións máis extremas.

A crise da Covid, aínda que producida por un virus e non por unha bacteria, non fixo máis que empeorar o problema. En parte, porque moitas persoas tomaron antibióticos por descoñecemento dos mecanismos da enfermidade, sobre todo en países nos que o control sanitario é menor. Ademais, os pacientes hospitalizados por Covid tiñan máis tendencia a sobreinfectarse por diversas bacterias, especialmente por aquelas máis resistentes, que son as que se atopan nos medios hospitalarios. O futuro da nosa saúde dependerá en parte de como nos comportemos e de que non gastemos os nosos mellores recursos inutilmente. Os antibióticos coñecéronse como balas máxicas cando se descubriron. Empreguemos a maxia con responsabilidade.

Comentarios